X

Propóñoche unha experiencia polas terras de Soneira e Nemancos, un lugar cargado de historia.

Se te unes á miña viaxe no tempo, coñeceremos o esplendor que acadou o antigo mosteiro de Moraime, do que hoxe en día tan só se conserva a igrexa, xoia do románico da Costa da Morte. Descubriremos o inmenso valor patrimonial deste enclave, que esconde unha necrópole visigótica e restos de época romana.

A miña proposta levarate por moitos outros lugares nos que se pode conectar co pasado, como o conxunto monacal de San Martiño de Ozón ou o Conxunto Artístico de Cereixo. Neste último poderemos contemplar a primeira representación da Traslatio do Apóstolo, que se atopa na Igrexa de Santiago.

Nas terras de Soneira e Nemancos non só quedarás marabillado co patrimonio arquitectónico medieval, senón que tamén te sorprenderán os numerosos exemplos da cultura popular, de antigos ritos e de artes e oficios tradicionais. O santuario da Virxe da Barca, o secadoiro de congro da Pedriña e o encaixe de Camariñas, que conta cun museo propio, son atractivos a ter en conta.

E, para descubrir por que este lugar posúe “o solpor de Europa”, convídote a coñecer o faro de Cabo Touriñán, situado no punto más occidental da España peninsular. Se acudimos no momento adecuado do ano, teremos o privilexio de ver os últimos raios de sol de todo o continente.

Convídote a vivir esta experiencia por #CostadaMorte e a coñecer estes lugares coa información que tes dispoñible nesta ligazón.