X

Día 10: Fisterra

No día de hoxe dirixirémonos á fin do mundo… Fisterra.

A nosa primeira parada do día será a igrexa de Santa María das Areas, onde se atopa a imaxe do Santo Cristo de Fisterra. Como lenda local, dise que esta é unha das doce figuras realizadas por Nicodemus, un personaxe da época de Cristo.

Logo de coñecer este templo recoméndoche un paseo pola vila de Fisterra e probar, nalgún dos seus restaurantes, a gastronomía local. Non perdas o produto estrela da zona: o longueirón.

E despois do xantar podes ir ata a ermida de San Guillermo e Ara Solis (o altar ao Sol), outro dos lugares de culto e lendas imprescindibles na Costa da Morte. Este inspirador enclave espertou  a admiración de escritores e intelectuais, como é o caso do gran bardo galego Eduardo Pondal.

Tamén che recomendo unha visita á lonxa da vila (podes facelo durante a semana a partir das 16.30h., excepto os días de mal tempo) e ao Museo do Mar de Fisterra.

E para rematar o día e ver o solpor iremos ata o faro de Fisterra. Tamén podes optar por contemplar o ocaso desde o mar contactando coas empresas de excursións: levarante ao lugar máis indicado para vivir este máxico momento ao mesmo tempo que gozas dun bo viño e marisco. Unha das empresas locais é Buceo Finisterre.

Antes de ir durmir… Que tal tomar unha queimada no establecemento que alberga o propio faro? Poderás sentirte como un verdadeiro viaxeiro...

E, para descansar tranquilamente durante a noite, seguindo as ligazóns poderás consultar os aloxamentos recomendados en Fisterra  coma o Hotel o Semáforo de Fisterra ou o   Hotel Mar de Fisterra, ou ben en Cee.

LUCES & SOMBRAS en Fisterra

Para sentir a experiencia que agora che propoño debes dirixirte a ermida de San Guillermo e a Ara Solis

O cabo Fisterra é coñecido e recoñecido por todos como un quilómetro cero, a fin do mundo, e tamén polos seus espectaculares solpores. Pero agora quero proporche outra opción: San Guillermo. Este lugar é fin e tamén é inicio dun novo camiño, dunha nova etapa e da adoración ao sol.  

Nas experiencias de luces e sombras que che traio, San Guillermo é a montaña de luz, o comezo dos penitentes, do guerreiro. Así o define Benjamín Trillo Trillo no libro As Pegadas de Santiago na Cultura de Fisterra:

“A montaña de San Guillerme mantén un misterioso diálogo co Monte Pindo. Os Deuses do Olimpo Celta deixaron na terra unha mensaxe de esperanza: os homes deben saber que a primavera volverá”.

“En Fisterra, antesala da morte, buscaban os homes unha explicación que dera sentido ao seu terror cósmico. Hai que chegar á fin das cousas para transmutalas e iniciar o novo.  A luz loce sobre as tebras”.

Outra proposta, agora no cumio de Fisterra, son as Pedras Santas, exemplo de rochas con propiedades milagreiras ou que sandan a persoas enferma. Segundo indica Benjamín Trillo Trillo na antedita obra, estas pedras son dúas e atribúenselles os dons de transmitir mensaxes á prosperidade e ser testemuña dos desvelos e inquietudes dos que as visitan. A propia natureza é un santuario no que os homes poden coñecer os esforzos que teñen realizado as distintas xeracións para atopar o sentido ao misterio da vida.

E, por suposto, en Fisterra tamén podes atopar unha ruta dos naufraxios: o mar sempre foi xusticeiro en toda a Costa da Morte… Os episodios de afundimentos aquí comprenden desde cabo da Nave ata as costas de Carnota, coas illas Lobeiras e a ría do Seo de Corcubión. Neste sentido, citando un fragmento da obra de Rafael de Lema Un país de sueños y naufragios, confesareiche que  “á inmortal Fisterra, rexión de mito e lenda, únese tamén a bruma dos soños mergullados no mar coa perigosidade das súas augas, paso de nacións e de numerosos navegantes”.

Se queres experimentar verdadeiras vivencias relacionadas cos naufraxios e o patrimonio subacuático recoméndoche practicar o submarinismo para contemplar embarcacións restos de afundimentos. Para iso podes contactar con Buceo Finisterre.

E se ademais queres afondar na historia dos naufraxios nesta zona, deste enigmático “lugar de ningún lugar”, pode que che interese o libro do que te veño falando: Un país de sueños y naufragios, de Rafael Lema.

Se aínda che queda tempo, podes vivir outras experiencias de turismo deportivo,  turismo activo e de patrimonio cultural na zona. Tes a información seguindo as ligazóns

Propóñoche tamén a Ruta Literaria pola Costa da Morte