Sairemos pola mañá cara á Fervenza de Entrecruces, onde a mesma natureza converte este lugar de lenda nun santuario natural: o río Outón precipítase ao baleiro desde máis de corenta metros de altitude. Desde alí poderás realizar unha andaina pola ruta PRG-142, onde che agardan fermosas paisaxes, historias e relatos populares. Ademais de natureza, neste percorrido tamén atoparás restos de antigos muíños e dunha vella central hidroeléctrica.
Logo de visitar estes lugares recoméndoche comer nalgún dos restaurantes que hai en Carballo. Alí, non deixes de probar os mexillóns e mailo famoso pan de Carballo.
Ademais de gastronomía e patrimonio cultural e natural, Carballo tamén posúe unha variada oferta de deportes acuáticos. Seguindo esta ligazón atoparás información sobre as distintas experiencias de turismo activo que podes vivir en Carballo. (enlace a experiencias de turismo activo da web)
Pero se deveces por coñecer máis cousas sobre a cultura e as xentes do lugar recoméndoche unha visita ao antigo cárcere provincial, hoxe convertido no Museo de Bergantiños, e descubrir as rúas e prazas do centro a través da ruta urbana.
Se despois do xantar queres continuar paseando pola natureza, convídote a camiñar pola costa do municipio, cara ao complexo formado polas dunas de Razo e Baldaio.
Para sentir a experiencia que che propoño agora, debes dirixirte ao Espazo Natural Razo-Baldaio.
Disque a orixe e o final teñen lugar no mar, que a auga limpa e fai renacer. Desta crenza nacen numerosas lendas, historias nas que esta costa cobra vida para ser xusticeira de barcos, xentes e cidades afundidas. En Carballo atópase unha das paraxes máis crípticas e lendarias, a praia de Baldaio. Atréveste a coñecela e a desvelar o seu misterio?
Os fondos mariños de Baldaio son unha franxa de historia viva nos que mergullarse, tal e como relata o libro Contos Mariños de Carballo. Esta contorna natural está composta por unha praia, unha lagoa e unha marisma, e goza de especial protección ambiental. É unha localización perfecta se buscas descanso e acougo… Un lugar único para respirar fondo, pechar os ollos e imaxinar a cidade afundida de Galileo.(enlace a lendas)
Senta, ponte cómodo e escoita o mar… Oes as campás? O seu son tamén garda relación con supersticións en Galicia. O repenicar fala do esperar da vida e da chegada da morte cíclica, así que o número de badaladas falarate de vida ou de morte…