X

Día 15: Mazaricos

Hoxe coñeceremos Mazaricos. Calza as botas de peregrino porque comezaremos a xornada realizando o tramo do Camiño de Santiago que pasa por este municipio. Desde o quilómetro vinte e catro con cinco do Camiño atoparás puntos interesantes para visitar, como son o Monte Aro, de excelentes vistas; o Miradoiro de Corzón e a igrexa parroquial de San Cristovo de Corzón. Tamén podes desprazarte aos lugares sen facer o camiño.

Para comer, podes facelo nalgún dos restaurantes do municipio.

Xa pola tarde propóñoche visitar as Fervenzas de Noveira, Santa Leocadia, Firvado e Chacín; así como a Ermida da Virxe do Monte en Paxareiras, outro dos numerosos lugares de lendas da Costa da Morte. E, se queres vivir unha auténtica experiencia de turismo activo, podes contactar con Naturmaz

Finalizaremos o día co solpor. Para iso, deixareite escoller entre dous lugares: o Miradoiro de Corzón ou o Miradoiro de Enxilde, desde onde escribía o Padre Sarmiento.

Para durmir, seguindo as ligazóns podes consultar os aloxamentos recomendados en Mazaricos ou en Zas.

LUCES & SOMBRAS en Mazaricos

Para sentir a experiencia que che propoño debes dirixirte ao lugar de A Picota.

Convídote a vivir esta experiencia desde a pel dun peregrino e chegar a este punto facendo o tramo do Camiño de Santiago a Fisterra que vai desde Mazaricos ata Cee (un día).

Desde A Picota (Mazaricos) e ata Cee experimentarás as sensacións do silencio, o desapego e a integración no verdadeiro medio natural e rural de Galicia.

Segundo o antropólogo e teólogo Manuel Mandianes, autor da obra El Camino del Peregrino, a peregrinación nace na propia natureza viaxeira do ser humano. Así, mantén que o principal motivo que hoxe impulsa a miles de persoas a realizar o Camiño é a necesidade de buscar o absoluto.  Tendo en conta o importante rexurdir desta ruta nos últimos anos, o antropólogo atribúe o nacemento desta necesidade por buscar o absoluto á existencia dunha profunda crise na sociedade actual.

Para este autor, o Camiño non deixa indiferente a ninguén, independentemente da motivación da persoa. A chegada a Santiago de Compostela supón un antes e un despois para o camiñante: as longas camiñadas a soas, unicamente en contacto con un mesmo e a contorna, cambian o xeito de ver e afrontar a vida, así como a relación coa natureza.

“Toda persoa que camiña sofre unha profunda transformación. Camiñar é soportable porque a medida que se avanza o corpo gaña resistencia física. O realmente duro é comezar e facelo en soidade, contigo mesmo, a natureza e o outro, a persoa ou o animaliño…”, apunta Mandianes.

Se queres atoparte contigo mesmo, no tramo que vai de Mazaricos a Cee terás a oportunidade de facelo mentres percorres contornas máxicas e naturais. Carballeiras, fontes santas con propiedades liberadoras, antigos lugares pagáns que foron cristianizados… así como paraxes de adoración ás damas (mouras coma min) ou virxes do alén que escoitan as inquedanzas que incitan ao peregrino a avanzar sen mirar atrás… Escoitar, sentir e captar a esencia do lugar só depende de ti!

Se aínda che queda tempo, podes vivir outras experiencias de turismo deportivo,  turismo activo e de patrimonio cultural na zona. Tes a información seguindo as ligazóns

Propóñoche tamén a Ruta Literaria pola Costa da Morte