X

Día 16: Zas

No día de hoxe coñeceremos o municipio de Zas… Terra de vida, como din as xentes do lugar.

Durante a mañá recoméndoche visitar o punto máis emblemático do municipio, o pazo das Torres do Allo. Este conxunto atópase agochado tras un paseo entre carballos, nunha contorna onde podemos observar todos os elementos típicos: casa señorial, xardín, hórreos, fontes, vivendas de caseiros, alpendres e un souto.

Se queres coñecer máis sobre estas casas nobres e antigas, recoméndoche que realices a Ruta dos Pazos que discorre polos de Follente, Romelle e Edreiras.

Outro dato interesante durante a túa visita a este municipio da Costa da Morte é coñecer o calendario de feiras, que se celebran o terceiro domingo de cada mes en Baio. Ademais, todos os luns hai mercado en Zas.

Para rematar a mañá podes perderte un pouco polas rúas do núcleo urbano de Baio, lugar onde atoparás varios establecementos hostaleiros onde comer. Podes consultar aquí os restaurantes de todo o municipio de Zas.

E, tras o almorzo, que tal un agradable paseo bordeando o río Grande? Se buscas tranquilidade e conexión coa natureza, seguro que neste entorno acabarás camuflándote entre a paisaxe.  Capta a súa esencia!

Antes do solpor, recoméndoche visitar a área da Ponte de Brandomil e realizar a ruta a pé. Tes a información que precisas seguindo a ligazón.

Para rematar o día, desprazarémonos ata o miradoiro do Pico de Meda, onde nace o río Grande, para atoparnos co solpor.

E, para durmir, seguindo os enlaces podes consultar os aloxamentos recomendados en Zas.

LUCES & SOMBRAS en Zas

Para sentir esta experiencia debes dirixirte á Carballeira de Zas.

O carballo é un dos principais símbolos de Galicia. Referente máxico dos druídas na cultura celta, árbore sagrada e purificadora; tamén se atopa presente en diferentes relatos da mitoloxía cristiá.

Conta a lenda que no cume do monte Castro, onde se sitúa a Carballeira de Zas os mouros agocharon un gran tesouro de ouro e prata. E din que, no momento no que ese tesouro fose descuberto, ocorrerían grandes desgrazas que provocarían o afundimento da aldea. Por este motivo, os membros da Asociación Cultural de Zas decidiron organizar un festexo co que contentar aos temibles espíritos do monte: a Festa da Carballeira.

Así o relatan os membros da Asociación Castro-Meda.

Tamén paga a pena visitar a Capela de San Roque e seguir punto por punto o que manda a tradición. A veciñanza de Mira din que hai que lavar as mans (ou coller auga) e realizar a seguinte petición, invocando aos santos: “San Antonio de Agualada e San Roque do Monte nos aparte a peste do corpo e da alma".

Pero non é este o único lugar de Zas ao que se lle atribúen efectos beneficiosos para a saúde. A Fonte de Santa Margarida de Muíño tamén serve para sanar males. Neste caso, a veciñanza di “Santa Margarida ten unha fonte con dous caños, onde se van curar todos os males estraños". De ser ti, eu tería en conta o refraneiro popular…

Se aínda che queda tempo, podes vivir outras experiencias de turismo deportivo,  turismo activo e de patrimonio cultural na zona. Tes a información seguindo as ligazóns

Propóñoche tamén a Ruta Literaria pola Costa da Morte