Comezaremos o día no cabo de Santo Hadrián, lugar do Santuario levantado baixo esa mesma advocación. O santuario de Santo Hadrián é un lugar de peregrinación onde se celebra a Festa de Interese Turístico de Galicia de Santo Hadrián do Mar, un enclave onde se funden lendas (enlace a apartado de lendas da web), mitos, ritos e crenzas populares. Desde alí, divisaremos as Illas Sisargas.
Seguro que, chegados a este punto, a brisa do mar espertou o teu apetito. Que tal unha parada para comer? Aproveita algúns dos restaurantes que hai neste pobo mariñeiro!
Un bo plan para a tarde é a visita aos museos: a Casa del Pescador, onde se exhiben pinturas do artista Urbano Lugrís (debes contactar coa confraría); e o Ecomuseo do Forno do Forte, que ofrece visitas guiadas e demostracións de elaboración de pezas da olería de Buño.
Outra proposta para a tarde consiste en gozar da natureza na contorna dos Muíños da Ribeira, un conxunto etnográfico formado por cinco muíños.
Para sentir a experiencia que che propoño agora seguiremos en Malpica, un lugar no que conviven natureza, tradición, artesanía e superstición; pero deberás achegarte ata Buño.
Aquí viviremos parte dos costumes e veremos a artesanía de Malpica. Hai tradicións que non foron escritas senón que, como facían os antigos druídas, se transmitían a través da cultura oral e a arte: historias, cantos, danzas… Así foi como, xeración tras xeración, se foi conservando o segredo da olería de Buño. Agora tes ese segredo ao teu alcance no Ecomuseo do Forno do Forte, onde descubrirás como era a vida e traballo dos oleiros tradicionais. Tamén poderás ver cos teus propios ollos a realización dunha peza paso a paso.
E como xa che dicía antes, tamén estás nun lugar de superstición e de gran simbolismo. Se es unha persoa curiosa seguro que aproveitarás o teu paso por Santo Hadrián para achegarte ata a súa fonte milagreira