X

Día 5: Cabana

Iniciamos o percorrido de hoxe visitando a poboación máis doce da Terra de Bergantiños: Cabana de Bergantiños. Pero… De onde lle chegará esa dozura? O certo é que, polo que din, esta característica procede da súa posición ao fondo da ría, onde o mar ten menor concentración de sal debido ás achegas da auga do río Anllóns.

O primeiro lugar que che recomendo que visites é a capela de Fátima en Sinde, desde onde temos unha boa panorámica da enseada da Insua e, en horas de faena, poderemos ver traballar ás mariscadoras do Anllóns. A poucos metros do templo atoparás o castro de Sinde, un recinto arqueolóxico catalogado pero que aínda non foi escavado e que, por suposto, alberga as súas propias lendas…. (ver apartado lendas).

Para rematar a mañá propóñoche un paseo pola senda do Anllóns, que percorre un dos espazos naturais máis importantes de Galicia: a enseada da Insua. Este percorrido de tres kilómetros transcorre á beira dun dos ríos protagonistas da Costa da Morte: o Anllóns.

Á hora do xantar recoméndoche parar nalgún dos restaurantes da vila: A Ría, o San Martín, o Mar de Ardora, o Restaurante Monte Blanco ou Casa Sabelo. En todos eles sentiraste como na casa, pero coa vantaxe de poder degustar os produtos de primeira calidade que recollen as mariscadoras (mexillóns e berberechos).

Despois da comida, e antes de saír ao encontro do sol, será un bo momento para achegarnos ata a ruta arqueolóxica por Borneiro, un traxecto circular con inicio e chegada ao castro da Cidá de Borneiro. Seguindo a ligazón disporás de toda a información ao respecto.

Outro lugar de interese arqueolóxico imprescindible na túa experiencia pola Costa da Morte é o Dolmen de Dombate, un monumento funerario considerado por algúns autores como a “catedral del megalitismo galego“.

Se queres integrarte verdadeiramente no lugar, podes contactar con xente local:

  • Agrupación de mariscadoras río Anllóns: as súas asociadas dedícanse á extracción de berberecho. Contacto: 670 397 893/ rioanllons2003@yahoo.es
  • Martín Senande: ten unha concesión de mexillóns que nacen nas pedras do fondo da ría; e venda directa. Tamén ten unha das poucas carpinterías de ribeira nunha zona espectacular á beira da ría onde seguen a facer e reparar algún barco de ribeira. Contacto: 687 240 167.

LUCES & SOMBRAS en Cabana

Para sentir la experiencia, debes dirixirte ao  Dolmen de Dombate.

Un dolmen é un monumento funerario prehistórico, un enterramento colectivo das sociedades prehistóricas de entre o V e II milenio antes da nosa era. No caso do Dolmen de Dombate, existe unha lenda sobre uns mouros (compañeiros meus) que construíron unha pechadura de ouro nun paso subterráneo que unía este punto co Castelo de Borneiro.

Os lugares escollidos polas sociedades pretéritas á hora de construír os seus enterramentos, asentarse ou marcar determinados puntos do territorio, son considerados na sociedade tradicional galega como centros de gran simbolismo. Segundo a cultura popular, as mouras/damas coma min somos seres míticos que habitamos nos monumentos megalíticos como os dolmens, pero tamén nos castros e noutros vestixios arqueolóxicos. Na túa visita a Borneiro poderás descubrir o poder da natureza e dos elementos, conectar co pasado e percorrer o máxico hábitat de seres lendarios como o son eu, a Moura da Costa da Morte… (enlace a lenda)

Seguindo o fío de toda esta rica cultura popular que che fun explicando al longo destas experiencias, contareiche outra historia curiosa. Nas festas de San Fins do Castro tense recuperado unha tradición coñecida como o Berro Seco. Este rito, ao cal algúns lle atopan influencias celtas, practícase do seguinte xeito: debes agacharte tres veces e, de cada vez que subas, gritar forte: uuuuuuoooohhhhh, uuuuuuohhhhhhuuuuhhh, uuuuuooooouuhhhhh!!!!

Na túa visita a San Fins poder aproveitar para sumarte ao Berro Seco e contaxiarte da forza que emana deste lugar. Tamén terás ocasión para lavarte na súa fonte milagreira, da que din cura problemas da pel, e poderás visitar o lugar onde está enterrado Saturnino Cuiñas, un dos grandes impulsores da romaría e pai do peculiar grito co que se festexa.

E se  queres afondar  na historia  do rico folclore de Cabana, podes  consultar ou ler o libro: Cancioneiro de Cabana de Bergantiños (recolleita de literatura oral dos músicos de Pablo Díaz e Olga Kirk por todas as parroquias do concello).

Se aínda che queda tempo:, podes vivir outras experiencias de turismo deportivo, turismo activo e de patrimonio cultural na zona. Tes a información seguindo as ligazóns

Propóñoche tamén a Ruta Literaria pola Costa da Morte