Hoxe guiareite polo municipio de Laxe, onde a historia segue viva.
Recoméndoche empezar o día coñecendo as singulares formacións rochosas dos Penedos de Traba (paisaxe protexida) e a Igrexa de Santiago de Traba. Este templo está ben preto dunha lagoa na que, segundo conta a lenda (enlazar con lenda), se atopa a cidade mergullada de Valverde.
Logo de comezar o día nunha paraxe especial, toca experimentar a vida dun auténtico veciño de Laxe. Para facernos unha idea de como foi evolucionando a vida neste lugar, que che parece unha visita ao Museo do Mar de Laxe? Alí atópase o arquivo fotográfico Vidal, un fondo que reúne máis de sesenta e seis mil imaxes antigas deste municipio (e das comarcas de Bergantiños e Soneira) e que conta co recoñecemento de Ben de Interese Cultural (BIC).
Como complemento á visita ao museo, e antes de comer, invítote a pasear pola vila e perderte polas súas rías, contemplar a súa arquitectura e parar ante a Casa do Arco, unha das edificacións civís máis emblemáticas.
Á hora do xantar non poderás escapar á proposta dos peixes con “X” de LaXe: a xarda, a xouba e o xurelo… Poderás saborealos en distintas preparacións nalgún destes restaurantes.
Despois de comer, e antes do solpor, teremos a oportunidade perfecta para camuflarnos e integrarnos na natureza do lugar. Propóñoche que fagamos xuntos algunha das rutas sinalizadas, enteiras ou ben algún tramo concreto: PR-G-70 Laxe - Punta Ínsua (catro con seis quilómetros), PR-G- 114 Laxe - Traba (oito quilómetros), Sendeiro litoral de Mórdomo - Camelle (catro con nove quilómetros).
Para sentir a experiencia que agora che propoño debes dirixirte ao Porto de Laxe.
Situado fronte á localidade de Corme, o Porto de Laxe destaca pola súa fermosa praia. As súas augas contan numerosas historias de naufraxios sucedidos neste tramo da Costa da Morte. Dalgún deles falareiche a continuación:
Eran as oito e media da tarde do 19 de decembro de 1850 cando se afundía en Laxe o brickbarba de tres paus Adelaide. Conta a lenda que uns nobres locais, axudados por varios seguidores, tiñan preparado un truco de luces que provocou que o afundise o buque, o cal navegaba cargado de armas e ouro. (enlace a lenda) Catro días antes do funesto suceso, dous mariñeiros perderon a vida na mesma zona cando intentaban reparar o temón do veleiro inglés…
A traxedia alterou a tranquilidade destas terras en reiteradas ocasións, como tamén aconteceu no episodio do naufraxio do Playa de Arnela, o 6 de novembro de 1972 ás oito e media da tarde. A embarcación chocou contra un dos baixos do cabo de Laxe cando se dirixía cara a Corme para descargar a pesca. Tan só sobreviviron dous dos doce tripulantes, os únicos que puideron dar testemuña da traxedia.
Nos cinco primeiros anos do século XXI, e pese ás melloras nas condicións de vida e de seguridade relacionadas coa actividade marítima, as mortes seguen a ser noticia na comarca. Tráxicos sucesos téñense vivido no ámbito pesqueiro, un sector fundamental para a economía local: grazas ao valor e esforzo dos profesionais do mar, cada día podemos gozar dunha variada oferta gastronómica onde o peixe e o marisco son os protagonistas.
Para pedir a protección da Virxe do Carme, patroa de mariñeiros e navegantes, cada 17 de agosto celébrase a festa do Naufraxio, declarada de Interese Turístico de Galicia. Foi instaurada en 1962 por Avelino Lema Santos, un home que tivo a fortuna de sobrevivir a tres naufraxios. Como curiosidade, direiche que este festexo tamén se celebra en Perú, a orixe da Ermida de Santa Rosa da que xa che teño falado nesta mesma experiencia en Laxe. (enlazar apartado lendas)
Na Costa da Morte tamén é frecuente ver camposantos ben pegadiños ao mar. É o caso do cemiterio de Laxe, un recinto que mantén todos os elementos tradicionais que caracterizan este tipo de recintos en Galicia: tumbas antigas, cruces de Santiago e o seu emprazamento ao borde do océano.
Ademais de visitar todos estes lugares, se queres saber máis sobre a historia dos afundimentos na Costa da Morte recoméndoche a lectura do libro de Rafael Lema titulado Un país de sueños y naufragios.