X

A actividade artesanal dinamiza o Castelo de Vimianzo durante todo o ano.

21/03/2018 - 24/04/2018

Castelo de Vimianzo

A actividade artesanal dinamiza o Castelo de Vimianzo durante todo o ano.

O feito de poder asomarse ao obradoiro dun artesán, observar a labor dos vellos oficios ou facerse cunha peza única, animan a visita de moitas persoas ao longo do ano. Deste modo a artesanía convértese en Vimianzo nunha das principais aliadas para romper coas rutinas museísticas e ampliar a experiencia cultural na nosa visita.

Por todo, o Concello de Vimianzo responsable da xestión de actividades do Castelo, incentiva un programa artesanal ao longo de todo o ano: exposicións, encontros, demostracións e outras actividades, realizadas sempre en colaboración coas traballadoras e traballadores artesáns que teñen na fortaleza vimiancesa o seu obradoiro e principal punto de venda.

Esta semana será a vez de Esther Ferreiro, especializada na xoiería de prata e cristal de Murano, a súa manufactura está recoñecida co selo de calidade “Artesanía de Galicia”. A artesá de Santa Comba inaugurará o próximo sábado unha mostra moi especial, transformando a vella cociña da fortaleza cunha orixinal montaxe expositiva ideada para enmarcar a mostra “Unha xanela á beleza”. A exposición resultado dunha longa investigación por parte de Ferreiro, introduce por primeira vez a madeira na súa produción, indagando sobre as distintas texturas e as contrastadas sensacións entre o vidro e o frío metal coa calidez das madeiras nobres.

A mostra poderase contemplar na cociña do Castelo de Vimianzo do 24 de marzo ao 24 de abril.

Volver atrás