X

Experiencias Patrimonio Cultural

Ver Concello


Experiencia polo oriente da Costa da Morte

Experiencia polo oriente da Costa da Morte

24/10/2017

Nesta experiencia percorreremos o sector oriental da Comarca de Bergantiños a través do Concello da Laracha.Encadrado no coñecido como Golfo Ártabro, o noso paseo comeza en Caión, porta de entrada á Costa da Morte. Aquí pasearemos pola antiga vila baleeira, única saída ao mar do municipio. Un acolledor pobo mariñeiro asentado sobre unha pequena península granítica.

Experiencia do corazón urbano de Bergantiños ao mar das Sisargas

Experiencia do corazón urbano de Bergantiños ao mar das Sisargas

24/10/2017

Na nosa viaxe polas terras altas de Bergantiños, achegámonos ao seu corazón, a vila de Carballo. Na zona sur do concello, nunha preciosa paraxe natural de ribeira, visitamos unha das capelas máis antigas do municipio, a Capela de San Paio de Entrecruces do século XVI, cunha impresionante bóveda de cruzaría característica do gótico. O 15 de xaneiro celébrase a romaría de San Paio da Devesa, tamén coñecida como San Paio de Xaneiro. Os romeiros e romeiras achéganse ata a Fonte Santa para coller auga e lavarse, eliminando así todos os seus males. Este espazo privilexiado está a menos dun quilómetro da famosa Férveda de Entrecruces, un salto de auga do río Outón cun desnivel duns 40 metros sobre a falla da Depresión Meridiana, a máis importante fondeira que atravesa Galicia desde Carballo ata Tui. Esta fractura propiciou a formación de vales, onde se produciu un gran número de asentamentos humanos, hoxe poboacións como Carballo, Pontevedra ou Tui.

Experiencia Fusión do Anllóns co Atlantico

Experiencia Fusión do Anllóns co Atlantico

24/10/2017

Iniciamos a nosa ruta na parroquia de Cores, un topónimo que nos evoca a ledicia e gana de vivir experiencias únicas na paradisíaca Costa da Morte. No lugar debemos parar na senlleira Igrexa de San Martiño, unha construción de orixe románica, estilo que podemos apreciar na porta lateral norte coroada por un arco de medio punto con arquivoltas con axadrezado e columnas con capiteis ornamentados. Na zona da cabeceira, sitúanse dous sartegos do século VI-VII que están enmarcados polas columnas que soportaban a porta orixinal da igrexa románica. Tanto no interior coma no exterior do templo consérvanse diversos restos atopados nas fincas lindeiras. Destacan dúas aras romanas e sobre todo a deusa prerromana da fertilidade da Capela de Santa Mariña do Remuíño, situada na parede exterior da cabeceira.

Experiencias Megalitismo na Costa da Morte

Experiencias Megalitismo na Costa da Morte

24/10/2017

A Costa da Morte atesoura un valioso patrimonio arqueolóxico megalítico: monumentos prehistóricos funerarios de terra e grandes pedras sen labrar para enterrar aos mortos. Foron construidos polos pobos que habitaron estas

Experiencia na procura da Caramiña

Experiencia na procura da Caramiña

24/10/2017

O noso paseo pola abrupta costa comeza en Camelle, onde viviu desde os anos sesenta o artista alemán Manfred Gnädinger, máis coñecido como Man. Estableceu a súa modesta vivenda no espigón, onde realizaba obras escultóricas coas crebas chegadas do mar, que exhibía na contorna. Morreu en 2002 tras o naufraxio do Prestige, que tinguiu as súas obras e corazón de negro. A súa obra e modo de ver a vida musealizouse no Museo do Alemán de Camelle. A 500 metros a pé podes ver o Xardín de Man, único xardín mariño da península. Unha visita excepcional que merece a pena para coñecer máis de preto como vivía o Alemán, así como as obras pétreas que tiveron a sorte de superar os temporais destes últimos anos.

Experiencia de encaixes e medievo no solpor de Europa

Experiencia de encaixes e medievo no solpor de Europa

24/10/2017

Esta experiencia polas Terras de Soneira e de Nemancos está vertebrada polo antigo mosteiro de Moraime, onde se asentou a orde beneditina. A importancia do seu enclave deu lugar á proliferación de diversas obras románicas como as igrexas que visitaremos, ademais do nacemento da vila da Barca, onde se celebra a principal romaría desta área. Os monxes abastecíanse de congro nos portos, que era secado polos mariñeiros para a súa conservación e posterior comercialización. Xa no XIX a principal materia de exportación foi o encaixe, que tiña na Ponte do Porto (Camariñas) e Muxía os seus principais centros.

Experiencia no corazón da Costa da Morte

Experiencia no corazón da Costa da Morte

24/10/2017

Esta experiencia lévanos a percorrer parte do interior da Costa da Morte polos concellos de Vimianzo, Zas, Dumbría e Mazaricos. Descubriremos castros nos que viviron os nosos antepasados; antigos pazos da fidalguía; igrexas e capelas; cemiterios envoltos pola cor; muíños e batáns nos que se moía o gran e se batían tecidos; pontes emesmo un castelo. Apúntaste?

Experiencia Costa da Morte pola Ría de Corcubión

Experiencia Costa da Morte pola Ría de Corcubión

24/10/2017

Nesta experiencia visitaremos, desde Fisterra a Carnota, os concellos bañados pola ría de Corcubión. O noso percorrido comeza polo confín da Costa da Morte, no Cabo Fisterra, un dos puntos máis occidentais do mundo, o finis terrae latino. Aquí, o Faro de Fisterra guía a navegación desde 1853 axudado pola "vaca", unha sirena que avisa acusticamente nos días nos que a néboa impide ver o sinal luminoso do faro. A vaca está no último dos edificios que vemos, e entrou en funcionamento en 1889, sendo a primeira da costa española. Se vos achegades, buscade as buguinas metálicas que saen das fiestras. A súa forma aseméllase aos cornos dunha vaca, e o seu son, ao bruar. De regreso, non deixedes de achegarvos ao coñecido como "semáforo", a primeira das instalacións que vimos ao chegar. Construíuse para a emisión de sinais de uso militar e na actualidade alberga un hotel e un restaurante.