X

Arca do Rabós (Vimianzo)

Camiñando entre mámoas

Na espesura da foresta apréciase a silueta impoñente dunha mámoa de 20 metros de diámetro e 1,5 metros de altura que alberga a Arca do Rabós. O túmulo está parcialmente destruído pola parte norte, xusto no límite coa parcela veciña, pero este dano permitiu comprobar a existencia dunha coiraza de pedras que o cubría orixinalmente.

No centro da mámoa, unha depresión causada polos buscadores de tesouros deixa ao descuberto os restos dunha anta con cámara poligonal e corredor orientado ao sueste. O dolmen aparece bastante alterado pero conserva polo menos 3 laxes do corredor, 2 da cámara e a tampa de cubrición da cámara parcialmente rota. Na rotura da tampa aprécianse marcas de cuñas, que nos falan da existencia de antigos traballos de cantaría para a extracción de pedra. Algúns autores tamén sinalan a posibilidade de existencia de gravados nunha das laxes do corredor.

O monumento non está só, xa que forma parte dun conxunto de túmulos enorme, a necrópole do Chan do Cabral, que xunto coa do Encoro da Fervenza fan desta zona un dos lugares con maior concentración de túmulos da Costa da Morte. De feito, podes ver outra mámoa xusto do outro lado da estrada enfronte ao prado da Arca do Rabós.


haz click en las fotos para abrir el carrusel de imágenes