X

Arquiña de Vilaseco (Vimianzo)

A mámoa que oculta un dolmen

Protexida por unha enorme mámoa, que chega case aos 40 metros de diámetro, atópase a Arquiña de Vilaseco. Deste dolmen, que podería ser un dos maiores da Costa da Morte, apenas se aprecia a parte de arriba dunha cámara poligonal, con catro esteos, parte do corredor orientado ao sueste e unha das súas tampas de cubrición. En calquera caso, o feito de que a anta se atope aínda baixo terra fai pensar nunha boa conservación, que quizais escavacións futuras poidan confirmar.

Un elemento interesante é o muro de pedra divisor de propiedades que pasa xusto por encima da Arquiña. Esta circunstancia repítese noutros monumentos do territorio como Pedra Cuberta, o Chan das Embarradas ou a Arca do Rabós. Isto revela que as mámoas e dolmens seguiron a ser utilizados con fins diferentes aos funerarios moito tempo despois da desaparición das culturas que os construíron. As antas non só constituíron fonte de lendas e mitos para a sociedade tradicional galega, senón que tamén foron usadas para trazar lindes de parroquias, propiedades, coutos... Durante a Idade Media existen en Galicia unha grande cantidade de documentos como contratos agrarios ou vendas de terras que fan referencia aos monumentos megalíticos como marcos territoriais. Cando se fixaban os lindes sempre se acudía a elementos fixos na paisaxe como ríos, camiños ou montes pero tamén sitios arqueolóxicos como mámoas, dolmens, castros e incluso petróglifos.


haz click en las fotos para abrir el carrusel de imágenes