X

Casota de Freáns (Vimianzo)

De tumba a refuxio de pastores

A particular forma da Casota de Freáns fixo que durante moitos anos os pastores a utilizasen como refuxio para protexerse das inclemencias do tempo. En realidade trátase dun dolmen atípico xa que non presenta nin cámara, nin corredor, nin mámoa. A súa estrutura é moi semellante á Fornela dos Mouros (Laxe) pois consta de tres lousas de granito verticais sobre as que se apoia outra horizontal que fai a función de tampa ou teito, configurando unha sorte de caseta.

As características da anta lembran ás cistas megalíticas máis tardías  e poderían levar a datación até os inicios da Idade do Bronce, xa no segundo milenio a. C. Estes monumentos funcionarían como enterramentos individuais e normalmente carecían da monumentalidade dos grandes dolmens de corredor.

No interior da Casota, nas laxes verticais, aprécianse de forma bastante nítida varios gravados a base de cruces e cazoletas.  O significado non está claro, pero algún autor ten relacionado as cazoletas coa representación de constelacións de estrelas. Esta hipótese é bastante discutida a día de hoxe, pero si que é seguro o vínculo dos dolmens cos fenómenos astronómicos. Quizais o máis evidente sexa a orientación dos corredores e os accesos da grande maioría dos monumentos da Europa occidental cara ao sueste en relación ao orto e o ascenso do sol.

A Casota de Freáns atópase na ladeira leste do monte Pedrouzo. No lado contrario deste outeiro, a uns 500 metros do dolmen, localizáronse no ano 2004 varios conxuntos de petróglifos con cazoletas, círculos concéntricos e outros motivos que quizais tivesen relación coa anta. A través da ruta de sendeirismo do Vieiro Fidalgo podes visitar tamén este conxunto de arte rupestre.


haz click en las fotos para abrir el carrusel de imágenes