Dombate é sen dúbida o dolmen máis coñecido e icónico de Galicia, cualificado por moitos como a catedral do megalitismo galego.
En realidade trátase dun dous en un, porque o túmulo que recobre o monumento acolle dúas antas diferentes. A chamada Dombate Antigo, de modestas dimensións e levantado a finais do V milenio, e o Dombate Recente, moito máis monumental e construído cara ao 3.700 a. C. Esta é a anta máis coñecida das dúas e as súas dimensións impresionan, acadando os 6 metros de lonxitude e 4,5 metros de altura. O megálito componse dunha cámara un corredor orientado ao leste, construídos con laxes monumentais que chegan, no caso da lousa da cabeceira, ás 7,78 toneladas de peso.
A mámoa, tamén espectacular, ten 24 metros de diámetro e 1,8 metros de altura. Está rodeada por un anel de pedras e coincidindo coa entrada apréciase unha sorte de coiraza feita igualmente de pedras. Xusto no acceso, durante as escavacións, localizáronse un conxunto de ídolos antropomorfos, chantados verticalmente no chan, cumprindo unha función de protección da tumba, como se fosen unha sorte de vixiantes simbólicos.
Pero quizais o elemento máis interesante deste dolmen é o conxunto de gravados e sobre todo as pinturas que se atopan no interior da súa cámara e ao longo do corredor. Están elaboradas coa mesma técnica do dolmen de Pedra Cuberta (Vimianzo), en cores vermella e negra sobre unha base de pintura branca feita a base de caolín. Na actualidade non son visibles ao non se poder acceder ao interior do dolmen por cuestións de conservación. Pero é posible admiralas nunha excelente réplica do dolmen a tamaño real situada no mesmo centro de interpretación que acolle hoxe en día o monumento.
haz click en las fotos para abrir el carrusel de imágenes