X

Fuso da Moura (Ponteceso)

Onde a moura perdeu o fuso

O fuso da Moura é unha pedra cargada de tradicións ancestrais. Segundo contan os vellos, a ela levábase o gando enfermo para que curase polas súas propiedades máxicas. De noite, cando ninguén os vía, os campesiños ían coas vacas ou as ovellas e daban voltas arredor da pedra. Despois, ao baixar do monte, tiñan que romper unha ola de barro, que non fora usada antes, nun lugar onde houbese un cruce e un cruceiro. Nese lugar quedaba depositado o meigallo.

Trátase dunha pedrafita cunha peculiar forma de fuso, o que deu probablemente orixe ao seu nome e ao da contorna onde se localiza. Aínda que a súa orixe non está clara, o feito de que se atope moi preto da necrópole do Fuso da Moura, onde se coñecen varias mámoas, fai pensar que puido  funcionar na prehistoria como fito sinalizador ou anunciador dos enterramentos.

Xa en época histórica, semella que tivo unha función de límite entre as parroquias de Niñóns (Ponteceso) e Mens (Malpica). Este papel delimitador das pedrafitas é moi común en Galicia, pois trátase de pedras moi singulares e visibles na paisaxe.


haz click en las fotos para abrir el carrusel de imágenes