X

Mina da Parxubeira (Mazaricos)

Un dolmen ben protexido

A Mina da Parxubeira é unha auténtica referencia para a arqueoloxía polos importantes descubrimentos realizados no seu interior. Foi escavada ao longo de tres campañas entre o 1977 e 1984 polo profesor Antón Rodríguez Casal, tralo que se atopou un rico enxoval funerario formado por láminas de sílex, unha punta de frecha e numerosos fragmentos de cerámica campaniforme.

Con todo, o achado máis espectacular aconteceu no ano 1983. Por vez primeira en Galicia localizouse un conxunto de ídolos betilos, antropomorfos colocados na súa posición orixinal, de pé e fronte ao corredor de entrada ao dolmen. Esta disposición tan particular fai pensar nunha función protectora do monumento, coma se se tratasen dunha sorte de gardiáns da sepultura. O mesmo tipo de figuras foron localizadas tamén nas escavacións do dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños).

A Mina conta cunha cámara poligonal e un corredor orientado cara ao nacente do sol. Aínda conserva boa parte da súa estrutura orixinal, excepto as lousas verticais da cámara no lado sur e a súa tampa de cubrición que desapareceron.

A anta, que forma parte da necrópole megalítica de Porto Coido, posúe un rico folclore asociado. En concreto cóntase que as pedras foron levadas por unha moura que ía fiando na roca mentres daba de mamar a un neno no colo. Tamén se dicía que no interior había un tesouro e outra tradición falaba de que estaba prohibido pisar no interior, aínda que se podía dar a volta arredor do dolmen.


haz click en las fotos para abrir el carrusel de imágenes