X

Pedra da Arca (de Regoelle) (Dumbría – Vimianzo)

O misterio de “The Thing” no interior do dolmen

A Pedra da Arca é un dos monumentos megalíticos de maior tamaño de Galicia e destaca ademais polo seu excelente estado de conservación. De feito, mantén a maior parte do dolmen, a cámara, o seu corredor e tamén o túmulo de terra que cubría o enterramento.

A anta sitúase xusto na liña divisoria das parroquias de Baíñas (Vimianzo) e Olveira (Dumbría)  e por ese motivo tanto na cámara, como na tampa de cubrición se gravaron, xa en tempos históricos, dúas cruces de termo indicando a súa función como marca fronteiriza.

No interior da cámara consérvanse restos de gravados e pinturas vermellas prehistóricas. O motivo máis destacado dos conservados é un deseño localizado igualmente no dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños). A arqueóloga  irlandesa Elisabeth Shee  bautizouno como «The Thing», termo que acabaría popularizándose até hoxe. Aínda que algúns investigadores teñen interpretado esta figura como un machado ou mesmo un cachalote, o certo é que o significado resulta descoñecido. Con todo, a súa relativa frecuencia no interior das cámaras megalíticas fai pensar nun deseño de alto valor simbólico durante o período megalítico.

Un dato curioso é que o dolmen está construído con tres tipos de rochas diferentes presentes todas na contorna inmediata excepto a laxe na que aparecen os gravados que é de granodiorita e tivo que ser traída desde tres quilómetros de distancia.


haz click en las fotos para abrir el carrusel de imágenes