X

Pedra da Lebre (Vimianzo)

O misterio das pinturas

A Pedra da Lebre é o bonito nome dun dolmen moi alterado pero que garda interesantes sorpresas. A finais da década de 1990 descubríronse vestixios de pintura prehistórica negra e vermella en catro dos seus esteos, xusto nas zonas que non estaban expostas ao aire libre, senón baixo terra, protexida polo sedimento. Analizáronse varias mostras de pigmentos e unha delas proporcionou unha das datacións máis antigas do megalitismo galego, entre o 5300 e 4700 a. C. Os arqueólogos pensan que podería tratarse dunha desviación derivada ben de problemas na obtención da mostra ou ben por unha posible contaminación o que daría unha data totalmente errónea.

Outra hipótese suxestiva que se ten apuntado ultimamente, é que a pintura fora feita sobre un monumento anterior, do tipo pedrafita ou estela, que moito tempo despois puido ser reutilizada na construción do dolmen. Isto podería explicar, polo menos en parte, a presenza de datacións tan antigas.

Actualmente non se aprecian restos da mámoa, pero a maioría das laxes do dolmen mantéñense na súa localización orixinal, o que permite deducir a existencia dunha cámara de sete ou oito lousas e un corredor do que parece conservarse unha soa pedra.


haz click en las fotos para abrir el carrusel de imágenes