X

Pedra Moura (do Monte Cárneo) (Vimianzo)

Un dolmen no medio do prado

A Pedra Moura é o evocador nome dunha anta en aparencia pequena e modesta, pero que mostra de maneira clara os elementos máis característicos dos dolmens da Costa da Morte. Unha cámara, un corredor orientado ao nacente e un túmulo de terra duns quince metros de diámetro aínda perfectamente visible. Orixinalmente este túmulo debeu ser aínda máis monumental, pois contaba cunha coiraza de pedras que o recubría e que foi en parte alterada no ano 1989.

O monumento conta con restos de pintura prehistórica vermella e negra sobre un revoco branco en, polo menos, cinco das laxes da cámara e do corredor. Os pigmentos consérvanse bastante mal pero deles puideron extraerse mostras para identificar a súa composición e a pintura negra, ao ser de orixe orgánica (carbón vexetal), púidose empregar para realizar datacións mediante o carbono 14.

Mostras similares de pintura negra foron recollidas polo profesor Fernando Carrera a finais da década de 1990 en Pedra Cuberta, Pedra da Lebre, Dombate e outros. Os resultados en xeral resultaron moi homoxéneos e para o caso concreto da Pedra Moura proporcionaron unha data entre o 3960 e 3640 a. C. Isto parece demostrar que boa parte dos grandes dolmens de corredor da Costa da Morte deberon ser construídos a inicios do IV milenio a. C.

Recentemente descubriuse tamén que a tampa da Pedra Moura posúe unha lixeira forma antropomorfa ao igual que a Arca da Piosa (Zas), Pedra da Arca (Vimianzo) e Dombate (Cabana de Bergantiños).


haz click en las fotos para abrir el carrusel de imágenes