X

A nova tempada da serie de La2: "Turismo Rural no Mundo" presenta 13 destinos de todo o mundo entre os que se atopa Costa da Morte

 A nova tempada da serie de La2: "Turismo Rural no Mundo" presenta 13 destinos  de todo o mundo entre os que se atopa Costa da Morte

O equipo da serie de La2 de TVE "Turismo Rural no Mundo" comezou a pasada semana a rodaxe dun dos seus capítulos en distintas localizacións da provincia da Coruña. A Costa da Morte, coa súa impresionante paisaxe e os traballos vencellados ao mar como o marisqueo, en especial o do percebe, terán tamén unha importante presenza no programa. 

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, afirmou que o programa “supón un excelente escaparate para dar a coñecer en toda España o moito que o rural coruñés ten que ofrecer” e destacou as xestións realizadas pola área de Turismo da institución provincial para que A Coruña protagonice un dos episodios desta serie de La2. 

O proxecto naceu durante o encontro do equipo do programa co responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, na última edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR) en Madrid, no que se acordou dedicar un dos programas a algúns dos xeodestinos que promove a institución na súa liña de promoción turística.  O director da serie, Juan Frutos, destacou o obxectivo de “dar a coñecer destinos desde o prisma rural” e falou con entusiasmo da Coruña da que ficou fascinado cando fixo unha viaxe con 16 anos que, segundo dixo, o marcou "para toda a vida, pois foi nesa visita onde decidín estudar xornalismo", dixo.  

Durante a pasada semana, o equipo de produción gravou nos xeodestinos de Ferrolterra, A Coruña e as Mariñas, Terras de Santiago, Ría de Muros Noia e Arousa Norte, acabando na Costa da Morte. Os recursos transcendentais foron as Fragas do Eume e o mosterio de Caaveiro, San Sadurniño, a serra da Capelada e Cabo Ortegal, a cidade da Coruña (a torre de Hércules, o mirador de San pedro e a Mariña), o Camiño Inglés, a ría de Muros – Noia, a fervenza do Ézaro, Malpica de Bergantiños, Corme, monte Branco e o faro de Punta Nariga, e a lagoa de Baldaio e Caión.

 

A segunda tempada do programa pechou con moi bos datos de audiencia, de aí que se estea rodando xa esta nova serie de capítulos. Como exemplo, o dedicado a Madeira alcanzou os 427.000 espectadores e espectadoras e 2,9% de share. Foi o programa máis visto de La2 de TVE despois de "Saber y Ganar", a referencia da  cadea pública. O episodio dedicado a Asturias, con 3,5% e 481.000 espectadores, foi un dos programas máis vistos do primeiro trimestre de 2018.