X

A VII Trail Viquinga de Carnota pecha por esta tempada o ciclo Costa da Morte Turismo + Deporte

16/04/2019

 A VII Trail Viquinga de Carnota pecha por esta tempada o ciclo Costa da Morte Turismo + Deporte

Concertos, andainas e máis de catorce establecementos adheridos conforman a ampla oferta deste programa

 

Aqueles que busquen unha oferta de turismo deportivo para esta Semana Santa teñen este domingo unha cita obrigada ca VII Trail Viquinga organizada polo Concello de Carnota. Esta carreira, con fins solidarios, promete encher de runners a Costa da Morte. A CMAT, na súa intención de potenciar a zona coma destino de turismo activo, ven de organizar a terceira e derradeira edición do programa Costa da Morte Turismo + Deporte.

Participantes da carreira e acompañantes poderán beneficiarse dun amplo programa de actividades complementarias, así coma de descontos en aloxamentos e experiencias multi-aventura. A programación cultural encádrase dentro do marco do Víndemo Ver 2019, a oitava edición da Mostra de Promoción Local de Carnota, cuxo programa inclúe obradoiros, eventos culturais e ata unha andaina polos arredores do Faro Laíño. O sábado, o broche a un día cheo de actividades o porá a música da cantante coruñesa Sés cunha actuación diante do edificio do Concello.

Hoteis, casas rurais, apartamentos turísticos… Dentro da oferta de establecementos adheridos ao Costa da Morte Turismo + Deporte atopamos todo tipo de hospedaxes, que ofrecen servizos complementarios pensando nas necesidades dos deportistas, coma espazos cubertos para as bicicletas ou almorzos adaptados. Aqueles que acrediten participar na proba deportiva ou ser acompañante poderán beneficiarse dun desconto do 10%.

E para aqueles que busquen aventuras para tódolos públicos, Adventurézaro, Atlantis Adventure Turismo Activo e Naturmaz ofrecen actividades como rutas en kaiak, paintball, tirolinas, escalada...todo cun 20% de desconto para os que presenten o seu número de dorsal ou o nome da persoa á que acompañan e que vai participar na proba deportiva.

Con esta terceira proba, remata a primeira edición do programa Costa da Morte Turismo + Deporte, que tivo unha gran acollida nas actividades organizadas previamente arredor da IX Carreira de Vimianzo e o II Challenge Junior de Carballo. A CMAT busca impulsar, ca participación da Deputación da Coruña, a proposta da Costa da Morte coma destino de turismo deportivo para tódolos públicos.

 

Adxunto: Dossier de actividades e descontos