X

A Deputación da Coruña anima a darlle "like" ao xeodestino da Costa da Morte

A Deputación da Coruña anima a darlle "like" ao xeodestino da Costa da Morte

"Coruña Like" é o título da nova campaña promocional audiovisual coa que a área de Turismo da Deputación da Coruña quere animar a visitar os seis xeodestinos en que centra a súa estratexia de promoción. Un vídeo xeral e un para cada un dos distintos destinos compoñen a campaña que se difunde nas redes.  Paisaxe, patrimonio e gastronomía son algúns dos recursos que protagonizan a nova oferta promocional da área de Turismo da Deputación da Coruña que difunde a oferta turística por medio de un vídeo xeral ademais doutros seis, un por cada xeodestino, que se difunden na rede co seu título #coruñalike. 

No vídeo, unha visitante promociona as distintas experiencias e paisaxes dándolle "gústame" nas redes sociais, exercicio que é un dos obxectivos da nova campaña, conseguir que a xente se faga eco e difunda a beleza e a oferta de calidade dos distintos destinos da Coruña. Ademais do vídeo xeral, a campaña inclúe seis curtas particulares dedicadas a Ferrolterra, A Coruña e As Mariñas, Costa da Morte, Terras de Santiago, Ría de Muros e Noia e Ría de Arousa Norte.

"A iniciativa forma parte da estratexia promocional da área de turismo da Deputación da Coruña e intenta ofrecer unha sutil información sobre o que caracteriza este territorio que pode funcionar como chamada, é dicir, patrimonio, paisaxe, camiños e diversión", explica o deputado da área de Turismo, Xosé Regueira. 

Os vídeos difundiranse nas redes sociais, na páxina de Turismo da Deputación ( https://turismo.dacoruna.gal) e nas dos entes de xestión dos distintos xeodestinos. Mostras deste patrimonio de gran valor turístico, son: a torre de Hércules e o porto da Coruña, a fervenza do Ézaro e o cabo Fisterra  na Costa da Morte, o monte Louro e o castro de Baroña na ría de Muros e Noia, a praza do Obradoiro nas Terras de Santiago, e o cabo Ortegal ou o mosteiro de Caaveiro de Ferrolterra.