X

Coñece as Illas Sisargas

28/06/2019

Coñece as Illas Sisargas

As Sisargas son un arquipélago formado por tres illas que se sitúan fronte o litoral da localidade de Malpica de Bergantiños, en Costa da Morte. A súa superficie non chega ao quilómetro cadrado e a distancia que as separa da terra é de aproximadamente 800 metros. O arquipélago confórmano tres illas: Sisarga Grande, Sisarga Chica e Malante, así coma algúns illotes arredor.

Un dos seus principais atractivos é o faro que coroa Sisarga Grande, ao que se pode acceder dende o embarcadoiro seguindo un sendeiro duns dous quilómetros. Coñecido coma faro de Santo Hadrián, é unha das construcións máis antigas deste tipo na Costa da Morte e data do século XIX. Actualmente funciona de xeito automatizado, aínda que ata fai relativamente pouco un fareiro encargábase da tarefa. Preto pódense atopar restos da que foi a Ermida de Santa Mariña, que segundo conta a lenda, foi atacada polos normandos.

Outro dos grandes atractivos do arquipélago é a flora e a fauna que habita nel. O terreo escarpado e cheo de acantilados e os ventos constantes característicos da zona debuxaron unha paisaxe sen case especies arbóreas e no que se atopan diferentes endemismos do noroeste galego. A riqueza da fauna que se pode atopar nas Illas Sisargas ven especialmente dada pola ornitoloxía, xa que funciona coma zona de paso para especies migratorias. De feito, foi declarada Zona de Especial Protección para as Aves dentro da Rede Natura 2000. Visitando as illas pódense avistar corvos mariños e diferentes especies de gaivotas como a gaivota tridáctila ou a gaivota escura das Sisargas.

Hoxe en día, para poder chegar ás Sisargas hai que acceder dende embarcacións privadas, por exemplo as de empresas que organizan visitas e actividades marítimas pola zona. Unha das opcións máis populares é a de Buceo Malpica, que da a posibilidade de coñecer as illas cos seus traslados en barco. Actualmente están organizando xornadas de visita para propietarios de negocios turísticos da Costa da Morte de balde. A súa idea é dar a coñecer o servizo entre os empresarios da zona, para que logo estes poidan ofrecer e recomendar a experiencia entre os turistas. Para apuntarse (máximo dúas persoas por empresa), só terán que poñerse en contacto con Buceo Malpica para concertar a data.

Descarga aquí o folleto de Buceo Malpica sobre Illas Sisargas