Conferencia sobre os muíños de mares e de vento a cargo da Doutora Begoña Bas
O sábado 16 de decembro ás 19.00 horas no Muso do Mar, Begoña Bas López, Doutora en Xeografía e Experta en Arquitectura Popular Galega, impartirá unha conferencia titulada “Muíños de Mareas e de Vento en Galicia: o caso do Muíño do Vento de Laxe”. Begoña Bas é ademais profesora na UDC e etnógrafa. Colaborou en revistas como Palabra, Gallaecia e Brigantium. E recibiu varios premios entre os que cabe destacar o Premio de Etnografía Vicente Risco (1978), o Premio Domingo Fernández del Riego (1984) e o Premio da Crítica Galicia (1992).
A súa traxectoria literaria tamén é ampla. Nela destacan as seguintes obras: Itinerarios dos hórreos en Galicia. Contribución ao estudo do hábitat rural galego, 1978. Construcións populares galegas, 1980. As construcións populares. Un tema de etnografía en Galicia, 1983. Os petos de ánimas en Ourense, 1985. Camiños, pasos e pontes, 1989. Muíños de mareas e de vento en Galicia, 1991. Os muíños, 2000. Innumerables artigos en revistas especializadas, e múltiples colaboracións en obras colectivas, culminan a súa brillante traxectoria académica e profesional. Coñecendo o currículo e os coñecementos de Begoña, é obrigado recomendar a asistencia a este acto co que, ademais, péchase a programación do proxecto relaxese para este ano 2017. O público asistente a esta conferencia poderá ampliar coñecementos e curiosidades sobre os aspectos arquitectónicos e históricos dos muíños tradicionais de mares e vento. Así mesmo, Begoña Bas, fará unha especial mención ao noso Muíño do Vento de Laxe.