A CMAT organiza unha viaxe en familia para destacar a calidade das actividades de turismo familiar na Costa da Morte
A blogueira Olaya López pasará dous días xunto á súa familia realizando diferentes actividades de turismo familiar dentro da campaña #CostaDaMorteEnFamilia
ZAS, 10/09/2024. Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) organiza a viaxe #CostaDaMorteEnFamilia os días 14 e 15 de setembro dentro das actividades de promoción turística incluídas no convenio de colaboración con Turismo de Galicia. Nesta viaxe, convidará á familia da blogueira Olaya López a desfrutar de diferentes actividades de turismo familiar nos concellos de Carballo, Coristanco, A Laracha, Malpica, Mazaricos e Ponteceso.
Costa da Morte, un Destino Familiar
Baixo o cancelo #CostaDaMorteEnFamilia, se promocionará esta actividade nas redes sociais, coa intención de promocionar o xeodestino Costa da Morte como un territorio con moitas oportunidades no eido do turismo familiar.
Dentro das actividades propostas, haberá visitas a entornos naturais como a área recreativa de Gabenlle (A Laracha), a praia de Razo (Carballo) ou o roteiro por algunhas das fervenzas de Mazaricos. Tamén haberá actividades culturais como a visita ao Ecomuseo Forno do Forte de Buño (Malpica), o Museo Etnolúdico de Galicia (Ponteceso) e a Festa da Pataca de Coristanco, unha celebración que rende homenaxe a un producto destacado pola súa excelencia.
Unha familia viaxeira, protagonista desta iniciativa
Olaya López é unha blogueira que comparte as súas aventuras en familia a través da conta de instagram @olayismo. Olaya defínese como xornalista, amante da natureza, mamá e creadora de contido.
Forma parte dunha asociación, Bolboretas no Ceo, que axuda a familias en situación de duelo xestacional, perinatal e neonatal.
Xunto a Dani, seu marido; Nico, seu fillo e a súa cadeliña Amelie, percorren diferentes lugares de Galicia, amosando a gran riqueza desta parte do mundo.
Neste sentido, a súa visita á Costa da Morte preséntase como unha gran ocasión para poder desfrutar das grandes oportunidades que ten o noso territorio en materia de turismo familiar.
Unha iniciativa para destacar ao turismo da Costa da Morte
Esta iniciativa é posible grazas ao financiamento de Turismo de Galicia a través dun convenio de colaboración coa CMAT.
Este convenio fixo posible tanto o primeiro blogtrip #TodoEnCostaDaMorte, celebrado a finais de agosto con catro blogueiros de viaxe; como esta viaxe de turismo familiar.
Tamén permitirá celebrar o IV Encontro Anual de Turismo da Costa da Morte o 12 de novembro de 2024. Para acoller este encontro, a CMAT abriu o prazo de presentación de candidaturas ás empresas do eido turístico da Costa da Morte ata o 17 de setembro.