X

Percorrido literario pola Costa da Morte (Parte II)

16/04/2020

Percorrido literario pola Costa da Morte (Parte II)

Tal e como vos prometemos no artigo anterior, hoxe imos continuar a nosa proposta de coñecer a Costa da Morte a través da literatura. Emprendemos así esta segunda viaxe polas páxinas de libros que evocan a fermosura e a maxia da nosa terra, pero tamén a personalidade das súas xentes. Xentes fortes e loitadoras, co seu carácter mariñeiro, que levan nas súas veas o influxo do mar e desta terra cargada de misticismo. 

 

 

 

Muxía

Cunha sensibilidade única, o poeta muxián Gonzalo López Abente, impregna toda a súa obra do amor que sinte pola súa terra. Coñecido como “O poeta do mar” os seus versos trasládannos a esta terra máxica e mariñeira situada nos confíns do mundo. A ela lle canta nestes versos do Poemario De Outono: 

 

Oh, quen poidera, miña doce prenda,

xuntar as espalladas armoñías

que o tempo vello co fulgor dos días

ceibou no ensoño da dourada lenda.

E quen poidera da futura renda

que fabrican as fadas ás porfías,

mostrar as mallas, en que ti verías

o máxico esprendor da túa senda.

Quen poidera pintar no azul do ceo

o que no fondo dos teus ollos leo;

ter o outo son dos procelosos mares,

no Parnaso unha musa proteutora

e de xionllos aos teus pes, Señora,

cantar outro cantare dos cantares.

 

Laxe

Nado na vila de Laxe, tamén atopamos na obra de Antón Zapata as súas raíces. Moitas veces rememorou nos seus poemas recordos da súa infancia, deixando entrever como a Costa da Morte define o carácter dos seus habitantes. 

¡Qué lediza miral-o,

pra os meus ollos de neno mariñeiro, cando iba, pol-o outón, leval-a moaxe, non ben cantaba o galo

da casa no poleiro!:

un ferrado de millo,

a pê, dendes de Laxe,

tripando no morrillo

da branca carretera, ou pol-a praia onde o Ártabro salaia,

ou pol-o mal camiño, costa arriba,

de croios pren e hirtada pedra viva…

 

Dolmen de Dombate, Cabana de Bergantiños

A este monumento ancestral, dedicoulle un poema Eduardo Pondal, do que xa falamos no artigo anterior. Pero este monumento ancestral non só cautivou ao poeta de Ponteceso. A maxia da Costa da Morte tamén atrapa a autores foráneos como é o caso de Manuel María, nado en Outeiro de Rei da Terra Chá (Lugo). En Versos do lume e do vagalume podemos ler: 

O Dolmen de Dombate

é mao e colo tenro

para que nel se refuxie

o home cos seus medos

e os seus soños.

O Dolmen de Dombate

é o espacio xusto

para ollar pasar a vida

e agardar,

silandeiros e envisos,

a chegada da morte.

 

O batallón literario

Este grupo, que nace a mediados dos anos noventa en Cee, toma o nome da compañía militar formada por estudantes da Universidade de Santiago no s. XIX para loitar contra a invasión francesa de Napoleón. Entre os nomes que conforman este grupo podemos atopar a Miro Villar, María Lado, Marilar Aleixandre ou Alexandre Nerium. Neste 2020 reuníronse, tal e coma recolle Que Pasa na Costa neste artigo.

Moitos son os escritores que se deixaron levar polo feitizo da Costa da Morte. A través da súa obra, podemos redescubrir unha terra única, e trasportarnos ás súas marabillosas paisaxes. Case se pode ulir o mar entre as súas páxinas.

Arquivado en:

Novas