X

Malpica sabe a mar

Malpica sabe a mar

A ruta de tapas "Malpica sabe a mar" impulsa o sector hostaleiro no primeiro fin de semana do outono


O balance é moi positivo, sobre todo tendo en conta que a ruta coincidiu co primeiro fin de semana do outono e a finais de mes. Dá gusto ver tanto ambiente en Malpica nesta época.


Despois de dúas edicións, e aínda que sempre hai aspectos que mellorar, parece que o modelo de "Malpica sabe a mar" funciona. Esta iniciativa da Concellería de Promoción Económica diferénciase doutras semellantes en que todas as tapas están elaboradas con produtos do mar. Deste xeito, os clientes dos locais puideron degustar chipirón, chopo, bacallau, polbo, ameixas, mexillóns e mesmo percebes en moi diversas elaboracións e por só 1,5 euros. Ademais do prezo, en "Malpica sabe a mar" tamén se promociona a Olería de Buño, ao utilizar pratos elaborados artesanalmente con barro. E un terceiro aspecto que contribúe ao éxito son os premios: botellas magnum, bolsas, camisetas, mandiles, tapas. Este ano repartíronse case 800 premios.


A ruta de tapas contou este ano cun programa de actividades paralelas organizadas pola Concellería de Educación, Cultura e Turismo e o propio sector da hostalería. Deste xeito, o sábado pola mañá celebrouse a Ruta do Renacemento, que levou aos 25 participantes (as prazas eran limitadas e quedou xente en lista de espera para outra futura visita) á igrexa e ás Torres de Mens. Guiados pola técnica de Turismo do Concello de Malpica, María Taibo, e polo propietario das torres, Agustín Ordóñez, que se mostrou unha vez máis como un excelente anfitrión, estas 25 persoas tiveron a oportunidade de coñecer dúas xoias do patrimonio malpicán. As explicacións foron tan detalladas e os visitantes mostraron tanto interese que a visita ao Ecomuseo Forno do Forte� xa non puido levar a cabo e realizarase noutra data.

Arquivado en:

Gastronomía