X

O Concello de Carnota recibe un premio na Feira de Turismo de Berlín.

O Concello de Carnota recibe un premio na Feira de Turismo de Berlín.

O novo vídeo turístico e institucional do Concello de Carnota, que leva por título ‘O Legado’, acaba de ser premiado nos The Golden City Gate Awards 2018. Estes galardóns, entregados durante a Feira Internacional de Turismo de Berlín (ITB), son considerados os premios audiovisuais máis prestixiosos a nivel mundial dentro da industria do turismo.

Celebrados anualmente dende 2001, o certame ven de celebrar a súa 18ª edición, que como sempre contou con diversas categorías (país, rexión, cidade, eventos, campañas...) Un xurado internacional formado por 40 expertos foi o encargado de votar os distintos gañadores en cada sección. ‘O Legado’, unha produción en versión orixinal galega, recibiu o segundo premio na categoría de rexións. Trátase dun galardón destinado a atraer o turismo internacional á zona, entregado no marco da feira líder neste sector.

O principal patrocinador desta competición é a Federación Alemá de Produtores Audiovisuais, e dende a súa creación teñen participado máis de 40 países e cerca de 1700 traballos. O acto de entrega tivo lugar esta mañá no recinto feiral de Berlín, onde recolleu o premio Ramón Noceda, alcalde de Carnota.