X

O turismo deportivo afiánzase na Costa da Morte con eventos superando as previsións de participación

16/10/2019

O turismo deportivo afiánzase na Costa da Morte con eventos superando as previsións de participación

A VI edición do Circuíto Correndo pola Costa da Morte pechouse este domingo cunha última proba en Fisterra, na que se bateu récord de inscritos (912). Arredor de medio millar de atletas achegáronse a participar a pesar do mal tempo. Datos como este reafirman o incremento no número de participantes que se ven producindo de maneira continuada neste programa anual de Carreiras, converténdoo nun importante activo turístico. Non en van, este circuíto ocupa o segundo lugar no ranking de eventos deportivos con potencialidade turística en Costa da Morte, só por detrás do internacional e multitudinario Gran Fondo Ézaro, e seguido doutros eventos e probas deportivas que ano a ano se consolidan como citas ineludibles do deporte na natureza en Costa da Morte, como o Circuíto Travesía Costa Abanca, o Camiño dos Faros e o Grand Trail Costa da Morte.

Este último evento, promovido pola AD Outdoor Sports, duplicou o número de inscritos na súa segunda edición, con novidades como unha nova etapa curta de tres etapas que se suma á habitual de sete. Outra gran noticia desta última edición que se ven de celebrar foi converterse en proba puntuable para o Ultra Trail de Mont Blanc, a carreira de montaña máis importante a nivel mundial entre os atletas populares.

Eventos deportivos como estes, aos que se suman innumerables citas deportivas ao longo de todo o ano, constitúen xa en si mesmos valiosos dinamizadores da economía local, ademais de supoñer importantes escaparates promocionais dos recursos naturais, actividades e servizos turísticos do territorio.

Conscientes disto, desde a CMAT vense traballando dende 2018 para que este incremento de participantes nos eventos deportivos do territorio se traduza nun maior aproveitamento turístico, tanto en termos de rendibilidade para as empresas do territorio, como nun adecuado posicionamento do xeodestino Costa da Morte como destino de turismo deportivo. O programa de mellora do turismo deportivo na Costa da Morte, que dende 2018 se desenvolve en colaboración coa Deputación da Coruña, baséase no deseño de diferentes estratexias coas que se pretende romper co carácter de estacionalidade que envolve ao turismo, fomentando a diversificación do sector cara este segmento que cada vez atrae unha maior cota de mercado. Unha delas é a iniciativa Costa da Morte Turismo+Deporte, na que se traballou de forma colaborativa no deseño dunha oferta de servizos e beneficios para participantes e acompañantes de eventos deportivos, e á que se sumaron unha vintena de establecementos e empresas de turismo activo da zona.

Este programa, que se puxo en marcha  como experiencia piloto en tres eventos deportivos a principios de ano, da agora un paso máis, co obxectivo de ampliar as empresas adheridas ás promocións deseñadas, e divulgar a oferta entre organizadores e público destinatario. As empresas interesadas en adherirse ás promocións, que se reflectirán nun Dossier xeral proporcionado ás entidades organizadoras de eventos deportivos na comarca, poden facelo durante todo este mes a través da seguinte ligazón, na cal poden tamén recadar máis información sobre os obxectivos do proxecto. 

Con iniciativas como esta búscase dar cumprimento ao obxectivo do Plan de Acción para o Turismo de Costa da Morte 2019-2021 de facer do turismo deportivo un dos seus segmentos principais, permitindo a diversificación do sector e a desestacionalización da actividade turística.

Arquivado en:

Novas