X

Patrimonio e tecnoloxía alíanse para abrir as portas de Carnota e do Monte Pindo a millóns de persoas

Patrimonio e tecnoloxía alíanse para abrir as portas de Carnota e do Monte Pindo a millóns de persoas

Lira e Compostela acolleron esta semana a dupla presentación en primicia do proxecto Trekker Monte Pindo, que permite percorrer coa mochila Trekker e incorporar a Google 169 quilómetros de roteiros de sendeirismo do Monte Pindo e do resto do Concello de Carnota, convertíndoo no primeiro municipio que dixitaliza as súas rutas para permitir percorrelas virtualmente en calquera momento e desde calquera parte do mundo.


Desde agora un total de 50 rutas están xa accesíbeis nas aplicacións cartográficas de Google, principalmente MapsEarth ou Street View. As dúas primeiras permiten acceder directamente aos percorridos soltando sobre calquera punto dos mesmos o bonequiño amarelo Pegman. Google Street View, funciona como unha especie de catálogo dos enclaves que se poden visitar en todo o mundo. E  ao mesmo nivel que o Machu Picchu, a cidade de Petra, o Taj Mahal e ducias doutros emblemas mundiais, xa está inmortalizado tamén o Monte Pindo, con acceso directo a 20 lugares do Olimpo Celta e do Concello de Carnota que merece a pena descubrir, primeiro virtualmente e logo a poder ser en persoa. 

Pero ademais do indiscubíbel valor que esta iniciativa terá para os operadores socioeconómicos,  outro dos obxectivos fundamentais é permitir que a xente maior, emigrada ou impedida por calquera motivo para visitar o Monte Pindo, poidan cumprir o seu soño desde a comodidade do seu fogar.

Despois de máis dun ano dedicado a esta iniciativa,  un documental sobre este proxecto dirixido por Miguel Mariño e Guillermo Ascanio, resumiron en só 10 minutos a filosofía do proxecto Trekker Monte Pindo. Este documental, que contou coa colaboración do Concello de Carnota, xa está accesíbel na canle de Youtube (con posibilidade de subtítulos) ou ben nas redes sociais Facebook e LinkedIn.

 

 

Arquivado en:

Novas