X

Ruta das Fervenzas

Ruta das Fervenzas

As fervenzas de Ramil, en Rus, e de San Paio, en Entrecruces, saltan sobre o desnivel no terreo provocado pola Depresión Meridiana. Esta sucesión de fallas é un dos fenómenos xeolóxicos máis importantes de Galicia. Atravésaa desde o litoral de Carballo ata Tui. A ruta das fervenzas ( PRG-142) comeza na Brea, lugar nos arredores de Carballo coñecido polo bo facer das súas panadeiras e panadeiros, e termina xunto á fervenza de Entrecruces, onde o río Outón precipítase ao baleiro desde máis de 40 metros de altitude.
 
Esta ruta transcorre polo Carballo máis descoñecido: o seu interior. Montes e vales fían a paisaxe. Penétrache polos carreiros nos máis secretos recunchos da Depresión Meridiana, que separa as terras altas e baixas das parroquias de Rus e de Entrecruces. Antigos carreiros, aínda hoxe coñecidos como camiños reais, guiaranche ata fermosos tramos de vexetación autóctona e de ribeira. Esta ruta conducirache ata dúas das construcións patrimoniais máis antigas do municipio. Por unha das súas variantes chegarás ata o pazo barroco de Vilar de Francos, cuxa torre foi levantada no século XVI. Ao final do camiño, atoparás a igrexa de San Paio de Entrecruces, cunha bóveda de crucería gótica que tamén nos remonta á Idade Media. Na liña dos fértiles vales que se estenden polo fondo da Depresión Meridiana atoparás as igrexas barrocas de Ardaña, Entrecruces e Santa María de Rus, a máis importante do municipio desde o punto de vista artístico. Se decides subir ao alto da Peniqueira, fíxache na elevación de monte que aparece fortificada á túa esquerda: delata un antigo castro. Moi preto, atoparás dúas mámoas, montículos no terreo que, en épocas prehistóricas, foron construídos pola man humana como monumentos funerarios.
 

Arquivado en:

Rutas (antiguo)