X

Un ano de record para as Torres do Allo

Un ano de record para as Torres do Allo

O 2017 supuxo certamente un antes e un despois no monumento histórico Torres do Allo, situado en Zas. Tras asumir o Concello a súa xestión, este pazo do século XV converteuse no recurso turístico estrela do municipio. As Torres do Allo pechan o ano con 7.295 visitantes, o que supón 3.428 persoas máis que no 2016 e 3.707 máis que no 2015. Máis do dobre de público visitou o conxunto histórico-artístico con respecto do ano precedente, o que é sen dúbida unha importante conquista e sitúa ao Pazo do Allo coma un produto cultural estratéxico para a comarca.

plan de actividades deseñado pola Concellería de Cultura de Zas tivo unha moi boa aceptación e amosa o seu resultado nas impresionantes cifras de participación acadadas no 2017. As visitas teatralizadas realizadas por Os Quinquilláns; os concertos ao aire libre dentro do ciclo “Clásica nas Torres”; o magosto do Allo celebrado no outono; o I Concurso de Fotografía co Móbil “Enfoques do Allo”; o cine nas noites de verán; as conferencias Monografías do Allo; así como o Xogo de Pistas para as familias, foron as actividades que máis público congregaron.

Visitantes de toda procedencia e nacionalidade achegáronse ás Torres do Allo para descubrir a súa historia e valores patrimoniais. Dende todas partes de Galicia viñeron ata Zas para marabillarse co primeiro pazo da historia. Madrid, Cataluña, Asturias, País Vasco e Castela e León foron as comunidades que maiores cifras de público achegaron ao total de visitantes. Dende Francia, Reino Unido, Italia, Portugal, e outros varios países europeos, así coma do continente americano e asiático, viñeron coñecer as Torres do Allo. Tamén o turismo de proximidade xogou un importante papel nas épocas de tempada baixa; grazas ao cal as Torres do Allo situáronse coma o recurso turístico máis visitado na Costa da Morte en outono.

Un gran salto de cantidade motivado por un salto de calidade na xestión e na oferta do monumento que conta cun presente frutífero e cun futuro máis que esperanzador para a dinamización do Concello de Zas e de toda a Costa da Morte.