X

Dende Malpica a San Adrián

 

  • Percorrido: Lineal
  • Punto de partida/chegada: Paseo Marítimo de Malpica. Ermida de San Adrián
  • Lonxitude: 3,50 km (ida)
  • Duración aproximada (ida e volta): 2 horas
  • Dificultade: Doada

 

Esta ruta curta de gran valor paisaxístico conta con tres tipos de usuarios. Por un lado, atopamos aos camiñantes do Camiño dos Faros que comezan en Malpica a primeira etapa desta cada vez máis popular ruta con final en Fisterra. Por outro lado, están os veciños e veciñas de Malpica que soben con regularidade ata o Santuario de San Adrián nun paseo lúdico ou deportivo. Por último, están as persoas que buscan unha etapa curta e doada onde apreciar as paisaxes da Costa da Morta sen andar demasiado.

Podes comezar este camiño no paseo marítimo, dende as praias de Area Maior e Canido. Unha vez aquí, o camiño guiarate por esta costa e terás unhas bonitas vistas da vila que vas deixando atrás. 

Unha primeira etapa leva ata o areal de Seaia que está dotado dunha área recreativa onde podemos descansar antes de iniciar o curto pero pronunciado ascenso ata o miradoiro e ermida de San Adrián.  Unha vez arriba podemos desfrutar dunhas vistas irrepetibles, xusto en liña coas illas Sisargas.

Para regresar ata Malpica temos dúas opcións. A máis doada é desandar os nosos pasos pola pendente abaixo pasando por diante dunha fonte á que se lle outorgan propiedades milagreiras. A segunda opción é continuar o ascenso ata o cumio do monte Beo e retomar o sendeiro no areal de Seaia onde podemos darnos un chapuzón se as temperaturas acompañan.

Se visitamos este lugar o 16 de xuño atoparemos unha gran concorrencia e o ambiente festivo propio da romaría.

Para completar a nosa visita a Malpica temos que pasear polas súas rúas buscando as tendas de artesanía con mostras da olería de Buño. Unha das tradicións artesás máis importantes de Galicia e que podemos coñecer en detalle no Ecomuseo Forno do Forte.

Outro dos referentes desta vila mariñeira é o posto pesqueiro que tamén debemos visitar e deixarnos sorprender co seu bulicio e actividade.

 


 Acceso ao roteiro no noso perfil de wikiloc