X

Ruta do Corredor Megalítico

CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS:

Quilómetros totais: 41 quilómetros.

Accesos en vehículo: Pedra Cuberta, Arca da Piosa (por pista de terra), Mina da Parxubeira.

Acceso a pé:

  • Pedra Moura do Monte Cárneo: a 200 metros da estrada.
  • Pedra da Lebre: a 30 metros da estrada.
  • Arca do Rabós: a 70 metros do último aeroxerador no miradoiro do Fuso da Moura.

 

Esta ruta lévanos a través dalgúns dos monumentos megalíticos máis importantes de Galicia pola súa monumentalidade e bo estado de conservación.

Comezamos o percorrido pola Pedra Cuberta, na parroquia de Treos en Vimianzo. Foi estudada polos arqueólogos alemáns Georg e Vera Leisner en 1933 e no seu interior descubriron as primeiras pinturas no interior dun dolmen en Galicia e unha as primeiras de toda Europa.

Continuamos pola parroquia de Treos ata a segunda parada, a Pedra Moura.  Situada nun coidado entorno de prado, conserva moi ben a mámoa e a súa estrutura coa cámara e o corredor. No interior localizáronse pinturas que permitiron datar a anta no IV milenio a. C.

A poucos quilómetros e moi preto da estrada localízase o seguinte dolmen, a Pedra da lebre. Aínda que o monumento se ve bastante alterado, sigue conservando boa parte da súa monumentalidade orixinal. Nela descubríronse tamén evidencias de pintura que unha vez analizada achegaron unha das datacións máis antigas do megalitismo galego, entre 5.300 e 4.700 a. C.

A seguinte etapa lévanos a través dun camiño forestal ata a Arca da Piosa, no concello de Zas. Trátase dunha das antas de maior tamaño de Galicia, con lousas que superan as seis toneladas de peso. Pero tamén é coñecida por un poema de Pondal,  “Á hora en que o doce luceiro”, incluído na súa famosa obra  “Queixumes dos Pinos” (1886), onde fala da Piosa como a tumba do mítico guerreiro Brandomil.

Desde a Piosa a ruta lévanos de novo ao concello de Vimianzo, concretamente a Baíñas. Moi preto do núcleo atópase a Arca do Rabós. Este pequeno dolmen, conserva moi ben a súa mámoa e atópase integrado dentro dunha das maiores necrópoles da Costa da Morte, denominada Chan do Cabral.

Non moi lonxe, xusto no linde entre o concello de Vimianzo e o de Dumbría, sitúase outra das antas máis icónicas de Galicia, a Pedra da Arca. O Dolmen está magnificamente conservado coa súa cámara e o seu longo corredor case íntegros. Ademais no seu interior hai restos de pinturas prehistóricas e algúns gravados. Entre os motivos destaca unha curiosa figura denominada “The Thing” pola arqueóloga irlandesa Elisabeth Shee. Descoñécese o seu significado, pero hai autores que a interpretan como un machado ou mesmo un cachalote.

A nosa última etapa condúcenos polas terras do Concello de Mazaricos até a Mina da Parxubeira. Un dolmen situado nunha paraxe idílica, no medio dunha finca a prado. As escavacións realizadas aquí na década de 1970 e 1980 proporcionaron extraordinarios resultados como un rico enxoval funerario e un conxunto de ídolos antropomorfos diante da entrada, protexendo o monumento.