X

Ruta das Pedrafitas

CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS:

Quilómetros totais: 43 quilómetros.

Acceso en vehículo: Pedra Moura de Aldemunde e Pedra da Arca de Cerqueda son accesibles en vehículo particular.

Acceso a pé:

  • Marco da Anta: a 350 metros da estrada.
  • Chan das Embarradas: a 860 metros da estrada.
  • Fuso da Moura: a 330 metros do último aeroxenerador no miradoiro do Fuso da Moura.

 

Comezamos o percorrido polo concello da Laracha, en concreto visitando unha das poucas pedrafitas coñecidas na Costa da Morte, o Marco da Anta, denominada tamén  Pedra do Ghicho ou Pedra do Carallo. Este curioso nome vén seguramente da súa peculiar forma fálica. Aínda que non está claro cal puido ser a súa función durante a prehistoria, até tempos recentes utilizouse como marco que sinalizaba a división entre dúas parroquias. Para chegar a ela debemos deixar o noso vehículo na estrada, tomar un camiño de monte durante uns 300 metros até o monumento.

Despois do Marco podemos retomar a viaxe en coche para dirixirnos a terras do concello de Carballo. Alí, na parroquia de Aldemunde, atópase a Pedra da Moura, nunha contorna case idílica, nunha parcela de prado ao lado do camiño. No seu nome evoca historias de mouros e mouras, que para os nosos antepasados foron os construtores míticos de dolmens e mámoas. En Aldemunde, cóntase que as pedras foron transportadas por unha moura desde o Petón de Calvelo mentres ía fiando nunha roca e daba de mamar a un neno.

Volvemos á estrada e encamiñámonos agora cara a Coristanco ata chegar ao lugar de Bieite de Abaixo. Deixamos o vehículo no lugar e facemos unha pequena camiñada duns 800 metros polo chamado Monte de Figueiras até dar co dolmen do Chan das Embarradas. O monumento aparece escondido no medio do bosque, arrimado a un antigo muro de pedra, que aproveitou parte do corredor da anta para a súa construción. O megálito, que conserva a maior parte da súa estrutura, está realizado a base de enormes pedras de xisto e unha delas chama a atención por presentar unha cor máis escura que as outras.

O seguinte destino é a Pedra da Arca, en Cerqueda, no concello de Malpica, nela volve a aparecer a mesma lenda dunha moura que levou os esteos na cabeza mentres fiaba nunha roca e aleitaba a unha crianza. Pero o que máis impresiona desta anta é a súa monumentalidade, especialmente da súa pedra de cuberta que se calcula acada as nove toneladas.

Deixamos Cerqueda e o novo destino sitúase no monte de Asalo, na fronteira entre os concellos de Malpica e Ponteceso, nun parque eólico que conta cunha das mellores vistas panorámicas de toda a Costa da Morte. Preto do miradoiro do Fuso da Moura, atópase esta pedrafita cunha forma rechamante que lembra mesmo á dun fuso. Está integrada nunha necrópole megalítica e na prehistoria puido xogar o papel de fito sinalizador dos enterramentos. Até hai non moitos anos era tradición levar alí o gando enfermo e para que curase había que dar primeiro varias voltas arredor da pedra e despois, ao baixar, era preciso romper unha cazola de barro nun cruce onde houbera un cruceiro.