X

Ruta das fervanzas - Mazaricos

 

O concello de Mazaricos realiza unha proposta de rutas para coñecer cinco fervenzas na contorna das cales realizaron un destacado traballo para habilitar os accesos e facilitar a visita e goce destes espectaculares saltos de auga.

Esta ruta baséase nun elemento fundamental da idiosincrasia de Mazaricos, a auga. A auga dos encoros, a auga do mar que podemos ver desde o alto dos montes da Ruña e sobre todo a auga dos ríos que terminan en espectaculares fervenzas. Estas fervenzas conforman a ruta que propomos e que identificaremos cos postes de madeira tallados que atopamos nas proximidades de cada unha.

A ruta iníciase co camiño á primeira fervenza, Vioxo-Chacín. Durante os meses de máis caudal ten unha caída espectacular, de 10 metros, grazas á auga que provén do Rego do Casteliño. A percepción de aromas, cores e elementos naturais é intensa e difícil de describir.

A segunda parada está na fervenza de Santa Locaia, que toma o seu nome da ermida situada a escasos metros. Un recuncho absolutamente único coñecido polos aldeáns como «O Pozo das Campás», denominación que esconde unha fermosa lenda. Din que uns asaltantes chegaron até a capela de Santa Locaia coa intención de roubar a súa campá, cousa que fixeron. Na súa fuxida pola penumbrosa e accidentada carballeira tentaron cruzar o río «Vao de Denonciña» saltando á outra beira coa campá ao lombo, pero a causa do espeso musgo que o cubría todo escorregaron e esta caeulles á auga. Esta caída provocou milagrosamente o tremendo esborralle do terreo que deu lugar a esta preciosa contorna no que se funden a forza da vexetación autóctona, a poderosa potencia da fervenza e o misterio das augas subterráneas que flúen dende o buraco.

A terceira fervenza obxecto desta ruta é a de Gosolfre, cun percorrido a pé máis complexo e difícil, polo que necesitaremos máis tempo. Xa nesta contorna, atopámonos cunha pronunciada pendente cuberta de exuberante e frondosa vexetación autóctona onde os carballos son a especie principal. No medio dese espectáculo vexetal atopamos, cunha pronunciada caída, a Fervenza de Gosolfre. Unha fervenza que podemos contemplar desde dous ángulos, tanto na parte superior onde un pequeno arroio precipítase pola pendente creando a fervenza, como no punto máis baixo onde rompe e a auga recupera a horizontalidade.

De aí, debemos trasladarnos á fervenza de Noveira. Esta fervenza é espectacular, xa que ademais da intervención imprescindible da auga, a pedra xoga un gran protagonismo. Unha pedra en lenta pero continua transformación debido ás poderosas correntes que a van esculpindo. As “pozas” que aparecen son idóneas para o baño no verán, cando o caudal do río é menor.

A última fervenza desta ruta é a de Fírvado, onde a unión de dous ríos rodeados de vexetación fai un auténtico paraíso de fervenzas e pozos. Pozos como o chamado “Pozo Negro” onde, segundo conta a lenda, o día de San Xoán, antes do amencer, unha gran “grade” de ouro, emerxe das súas profundidades. Un lugar onde poderemos realizar fotos para presumir nas redes sociais tanto no orixinal banco como nas pasarelas de madeira.

Estamos ante unha proposta para coñecer as paisaxes fluviais do interior da Costa da Morte unida ao goce da súa gastronomía: polbo á feira, zamburiñas á prancha, chuletón, carne á pedra ou bacallau, que son algúns dos pratos da carta dos restaurantes de Mazaricos.

Para coñecer os detalles das diferentes rutas de acceso ás fervenzas podemos consultar a páxina do concello de Mazaricos. http://www.mazaricos.gal/turismo/ruta-fervenzas/