X

Eu son a Moura da Costa da Morte, a túa guía nesta experiencia polos tesouros prehistóricos que se concentran neste territorio.

A experiencia que che propoño levaranos por vestixios funerarios de culturas que viviron na Costa da Morte entre o quinto e o segundo milenio antes da nosa era e que, co paso do tempo, foron acumulando contos e lendas. Algunhas destas historias aluden a tesouros escondidos, pero outras falan de seres míticos (coma min) que construíron e habitaron estes restos arqueolóxicos: os mouros e as mouras.

Para coñecer estas estruturas milenarias, dolmens e antas, propóñoche unha serie de máxicas contornas naturais onde poderemos contemplar o legado dos nosos devanceiros. Unha visita imprescindible é ao Dolmen de Dombate, considerado a catedral do megalitismo galego. Pero tamén podo acompañarte por moitos outros, algúns con suxestivos nomes que fan alusión ás súas formas e mesmo a lendas locais. Incluso algún destes fermosos enclaves foron de inspiración poética…

Pedra Cuberta, Pedra Moura, Arca da Piosa, Pedra da Arca, Casota de Freáns, Arca de Rabós, Mina de Recesindes, Arquiña de Vilaseco, Fornela dos Mouros, Pedra Vixía, Mina da Parxubeira… son algúns dos máxicos lugares que te animo a descubrir xunto a min na Costa da Morte. Como moura que son, prometo exercer de perfecta anfitrioa en todos eles!

Convídote a vivir esta experiencia pola #CostadaMorte e a coñecer estes lugares coa información que tes dispoñible nesta ligazón.