X

Eu son a Moura da Costa da Morte, a túa guía nesta experiencia para descubrir a costa entre Camelle e o Monte Farelo, por terras do municipio de Camariñas.

Propóñoche coñecer estes lugares seguindo os pasos da camariña (ou caramiña), un arbusto que tan só se dá en zonas litorais e que dá nome ao municipio que imos visitar. Mentres buscamos flores, faremos un alto no camiño para coñecer o singular Museo do Alemán de Camelle, onde descubriremos a vida do artista Manfred Gnädinger "Man" e pasearemos polo peculiar Xardín de Man, o único xardín mariñeiro da Península Ibérica.

Na nosa experiencia por Camariñas, un lugar onde o patrimonio etnográfico e relixioso poboa a costa, teremos oportunidade de pasear por portos artesanais, coñecer como eran os foxos para a caza do lobo e tamén haberá ocasión de parar nalgún dos numerosos templos emprazados na franxa litoral.

Tamén teremos tempo para lembrar as vítimas dos naufraxios no Cemiterio dos Ingleses e, se queres saber máis historias sobre a difícil navegación na Costa da Morte, non deixes de pedirme que te leve ata o faro de Cabo Vilán. Alí visitaremos o museo do faro, un centro de interpretación dos naufraxios, faros e sinais marítimos.

Pero teremos que apresurarnos para poder chegar ata o Monte Farelo antes de que caia a noite. Quero que vexas o solpor desde a capela da Virxe do Monte e te deixes enfeitizar pola beleza deste máxico momento.

Convídote a vivir esta experiencia pola #CostadaMorte e a coñecer estes lugares coa información que tes dispoñible nesta ligazón.