X

Eu son a Moura da Costa da Morte… a túa guía nesta experiencia polo oriente da Costa da Morte onde visitaremos o municipio de A Laracha.

A nosa experiencia comeza en A Laracha, unha das portas de entrada á Costa da Morte. Un territorio cunha rica gastronomía no que poderás probar manxares procedentes do mar, como o percebe e o polbo; verduras e hortalizas como a cebola de Caión, e outros saborosos produtos como o pan e a empanada.

A Laracha é arte, cultura, natureza… e para coñecela máis a fondo convídote a descubrir esta terra a través dos seus museos. Nunha visita ao Museo da Pesca e ao Centro de Interpretación dos Muíños da Auga atoparás as esencias deste territorio e a súa riqueza patrimonial.

Se es amante da arte e da cultura, recoméndoche como puntos de visita obrigados o mosteiro de San Pedro de Soandres, as capelas de San Roque da Pena, Nosa Señora de Cumiáns e Santa Margarida, coa Fonte Santa; así como a igrexa de Nosa Señora do Socorro. Outros lugares imprescindibles son o santuario dos Milagres de Caión, centro de peregrinación, ou a igrexa de San Xián de Lendo, lugar vinculado aos cabaleiros templarios.

Neste municipio que posúe territorios na costa atlántica, pero tamén áreas de interior, atoparás lugares para relaxarte na natureza: o Paseo Fluvial do río Anllóns, coa súa área recreativa, ou o miradoiro de Santa Marta, lugar de lendas. Estes son dous bos exemplos de lugares onde lograrás desconectar da rutina.

Convídote a vivir esta experiencia por #CostadaMorte e a coñecer estes lugares coa información que tes dispoñible nesta ligazón