X

Día 12: Corcubión

Apetéceche que dediquemos a xornada de hoxe a visitar a vila de Corcubión? Ten o privilexio de ser testemuña da unión da doce calma mariña das Rías Baixas coa bravura das augas das Rías Altas.

Na túa estancia en Corcubión é de visita obrigada o casco vello declarado Ben de Interese Cultural (BIC), unha zona onde quedarás abraiado coa grande cantidade de pazos que alberga e co seu patrimonio etnográfico. Nesta zona monumental destaca a elevada densidade de cruceiros, situados en lugares de significado simbólico. Instalados con máxicos propósitos, foron construídos na procura de protección, para combater supersticións como o mal do aire ou cristianizar lugares pagáns. Serás capaz de descifrar as críticas mensaxes que agochan as pedras deste barrio histórico?

Nesta vila litoral lograrás empaparte das tradicións populares e poderás coñecelo todo sobre a cultura mariñeira.

E, ao mediodía, non dubides en saborear as propostas que ofrecen os restaurantes locais.

Logo do xantar propóñoche realizar unha pequena ruta camiñando e que che explico a continuación. Saes da Praza de Castelao pasando pola Praia de  Quenxe, e dende o paseo marítimo vas cara o faro; pasarás polos restos dunhas antigas conserveiras. Unha vez que chegaches ao Faro de Cabo Cee, edificado no ano 1860, volvemos cara atrás cara á parroquia de Redonda. Nese lugar, recoméndoche visitar a Igrexa de San Pedro de Redonda e varios hórreos. Retrocedes sobre o mesmo itinerario e chegas ao albergue de peregrinos e ao campo de San Roque. Vas cara a lugar de O Vilar. Dende aquí, tes dúas opcións: baixar a estrada e camiñar sempre á esquerda, chegando ao Campo do Rollo e á Praza de Castelao. Ou ben, desviarte á  esquerda á altura dun lavadoiro seguindo as indicacións do Camiño de Santiago a Fisterra en sentido contrario. Chegarías así, á Capela de San Antonio no alto do pobo de Corcubión. Debes baixar pola Rúa Perigos (ou Calle Peligros) e a Rúa Antonio Porrúa, terminando o percorrido no punto de saída, a Praza de Castelao.

A penúltima parada da nosa xornada será o Castelo do Cardeal  e desde esta fortaleza seguiremos o noso percorrido para rematar o día no Faro de Cabo Cee: alí agardaranos o solpor e as vistas ás Illas Lobeiras.

Para durmir, seguindo as ligazóns podes consultar os aloxamentos recomendados en Corcubión ou en Carnota.

LUCES & SOMBRAS en Corcubión

Para sentir a experiencia que che vou presentar debes dirixirte cara ao casco urbano.

Recoméndoche que goces da miña proposta escoitando a Alborada de Corcubión mentres exploras con calma a zona monumental e te perdes polas súas rúas. Xa que no teu percorrido iraste atopando cos numerosos cruceiros de Corcubión, aproveitarei para falarche sobre a peculiar tradición das parrandas.

Na vila había dous bandos diferenciados e cada un tiña un lugar de xuntanza nun cruceiro: mentres o bando de Granada tiña a súa base nun cruceiro que había no Campo do Rollo, os seus adversarios de Río Seco reuníanse xunto a capela de San Antonio. En días sinalados como as vésperas de San Xoán, San Pedro ou o Día de Galicia, cada formación saía (por quendas) e facía un desfile polas rúas, desde o seu cruceiro e ata o do outro bando. Polo camiño, cada grupo ía cantando coplas contra o adversario, algo parecido ás coplas do entroido.

Trátase dun antigo costume que puidera ter a súa orixe na Idade Media e que goza de certa singularidade, pois fai referencia a un uso dos cruceiros que se desmarca das funcións que habitualmente teñen.

Por outra banda, tamén en Corcubión falareiche de naufraxios, tanto de grandes como de pequenas embarcacións. E, por certo, lembrareiche que o submarinismo é unha boa opción para descubrir os segredos que atesouran as profundidades… Por exemplo, nos fondos da Illas Lobeiras descansan os restos de barcos como o vapor Derwentwater, o bergantín goleta María Joaquina ou o vapor Polinnya, entre outros; mentres que no Carromeiro Chico atópanse os vapores RosalieAlbion e Marie… O listado de embarcacións sinistradas é moito maior, algunhas xa localizadas e outras que continúan a espera de ser descubertas…

E non podemos deixar Corcubión, sen que che fale dos Corsarios… No ano 1800 xa estaba establecida aquí a primeira sociedade para a actividade do corso co obxectivo de atacar aos inimigos de España. Varios corsarios de Corcubión e da súa contorna, fixeron deste porto uno dos máis importantes do Atlántico para as poxas deses barcos apresados.

Podes ampliar información no apartado "lendas" desta web. 

 

Se aínda che queda tempo, podes vivir outras experiencias de turismo deportivo, turismo activo e de patrimonio cultural na zona. Tes a información seguindo as ligazóns.

Propóñoche tamén a Ruta Literaria pola Costa da Morte.