X

Día 14: Dumbría

Hoxe coñeceremos Dumbría, municipio da excepcional Fervenza do Ézaro, o Monte Pindo ou a pequena aldea de Olveiroa, pola que pasa o Camiño de Santiago.

En primeiro lugar recoméndoche visitar o santuario da Virxe das Neves de Buxantes coa súa fonte santa. Unha vez máis, un lugar de lendas na Costa da Morte…

Despois podes achegarte ata o conxunto artístico de Olveiroa, unha pintoresca aldea con hórreos, casas e rúas que aínda conservan o seu trazado orixinal, e por onde transcorre o Camiño de Santiago (tamén conta con albergue de peregrinos). Pero ten coidado cando esteas por aquí, pois segundo a lenda de Vakner existía un monstro que devoraba a quen facía o camiño… 

Outra alternativa para realizar durante o día, ou incluso ver o solpor, é subir a Chan das Lagoas (Berdeogas), lugar no que se sitúa a estación de control marítimo e que conta cunhas excelentes vistas: desde Malpica ata a Serra do Barbanza, desde o Val de Soneira ata a comarca do Xallas.

Para rematar a tarde e pechar un día perfecto, recoméndoche un paseo pola praia do Ézaro e despois visitar o Centro de Interpretación de rutas Monte Pindo e Fervenza do Ézaro. En todo momento permaneceremos baixo o dominio visual do maxestuoso Olimpo Celta.

Para vivir unha auténtica experiencia nestas augas máxicas podes contactar coa empresa AdventurÉzaro, que organiza rutas en kaiak e rutas de sendeirismo ao Monte Pindo.

E para ir ao encontro do solpor subiremos ao Miradoiro do Ézaro, a onde nos dirixiremos despois de pasar pola inigualable Fervenza do Ézaro: aquí o río Xallas precipítase sobre o Océano Atlántico desde corenta metros de altura, sendo o único río de Europa que desemboca deste xeito no mar. Nos meses de tempada alta ilumínase pola noite, ofrecendo un auténtico espectáculo de cores proxectadas sobre a natureza.

Para comer e durmir, podes contactar coa oficina de turismo local (turismodumbria@gmail.com ou ben no teléfono 662 346 927) e pedir información sobre os restaurantes e aloxamentos en Dumbría. Tamén podes aloxarte no seguinte punto do percorrido, Mazaricos.

LUCES & SOMBRAS en Dumbría

Para sentir a experiencia que che propoño debes dirixirte á Fervenza do Ézaro.

Dumbría é unha terra de contrastes na que historia e natureza fusiónanse coas lendas… Di a tradición que na Fervenza do Ézaro as mans da auga tallaron na rocha un pozo escuro chamado Cadoiro. No fondo do pozo agóchase un gran tesouro custodiado por tres meigas; as siluetas poden descubrirse nas rochas das paredes circundantes.

O caso é que existe unha porta máxica oculta tras as súas augas… Igualmente custodiada polas meigas. O mozo que se atreva a cruzala romperá o feitizo coa súa valentía e será conducido ao fondo do río por esas temibles gardiás. Nas profundidades atopará unha bela princesa encantada, con quen poderá casar e posuír unha enorme fortuna.   

Atréveste a atopar a estas tres gardiás? Porque din que habelas, hainas...

Recoméndoche tamén visitar o Cemiterio de Dumbría, un camposanto de estilo neoplasticista que, aínda que pareza un paradoxo, está cheo de vida: aquí a cor e a luminosidade son os protagonistas.

Podes ampliar información no apartado "lendas" desta web.

 

Se aínda che queda tempo, podes vivir outras experiencias de turismo deportivo,  turismo activo e de patrimonio cultural na zona. Tes a información seguindo as ligazóns.

Propóñoche tamén a Ruta Literaria pola Costa da Morte.