X

Día 3: Malpica

Comezaremos o día no cabo de Santo Hadrián, lugar do Santuario levantado baixo esa mesma advocación. O santuario de Santo Hadrián é unha paraxe de peregrinación onde se celebra a Festa de Interese Turístico de Galicia de Santo Hadrián do Mar, un enclave onde se funden lendas, mitos, ritos e crenzas populares.  Desde alí, divisaremos as Illas Sisargas.

Seguro que, chegados a este punto, a brisa do mar espertou o teu apetito. Que tal unha parada para comer? Aproveita algúns dos restaurantes que hai neste pobo mariñeiro!

Un bo plan para a tarde é visitar os museos: a Colección Urbano Lugris que podes coñecer contactando coa confraría; e o Ecomuseo do Forno do Forte, que ofrece visitas guiadas e demostracións de elaboración de pezas da olería de Buño.

Outra proposta para a tarde consiste en gozar da natureza na contorna dos Muíños da Ribeira, un conxunto etnográfico formado por cinco muíños.

A última hora do día despediremos ao sol no Faro de Punta Nariga, o máis moderno de Galicia e obra do recoñecido arquitecto César Portela. Eu, a Moura da Costa da Morte, acompañareite neste máxico momento no que o sol se funde co océano…

Para durmir, seguindo as ligazóns podes consultar os aloxamentos recomendados en Malpica ou Ponteceso.

LUCES & SOMBRAS en Malpica

Para sentir a experiencia que che propoño agora achegarémonos a Buño, un lugar no que conviven natureza, tradición e artesanía.

Aquí viviremos parte desa cultura popular de Malpica. Hai tradicións que non foron escritas senón que, como facían os antigos druídas, se transmitían a través da cultura oral e a arte: historias, cantos, danzas… Así foi como, xeración tras xeración, se foi conservando o segredo da olería de Buño. Agora tes ese segredo ao teu alcance no Ecomuseo do Forno do Forte, onde descubrirás como era a vida e traballo dos oleiros tradicionais. Tamén poderás ver cos teus propios ollos a realización dunha peza paso a paso.

Como xa che dicía antes, tamén estás nun lugar de superstición e de gran simbolismo. Así que se es unha persoa curiosa seguro que aproveitarás o teu paso por Santo Hadrián para achegarte ata a súa fonte milagreira.

Podes ampliar información no apartado "lendas" desta web. 

 

Se aínda che queda tempo, podes vivir outras experiencias de turismo deportivo, turismo activo e de patrimonio cultural na zona. 

Propóñoche tamén a Ruta Literaria pola Costa da Morte.