X

Día 7: Camariñas

Hoxe visitaremos Camariñas, unha vila de xente loitadora e agarimosa, que ten un corazón forte e doce froito de anos e anos de traballo no mar… Porque o mar o é todo en Camariñas.

Recoméndoche empezar esta experiencia visitando Camelle, onde atoparás o Museo Man e a súa Casa - Xardín escultórico, un museo ao aire libre creado polo artista alemán Manfred Gnädinger, que chegou a Camariñas nos anos 60 do século  XX. Solicitaba ao visitante un debuxo para os seus cadernos. Como el dicía: "en cada papel está a alma de cada un e o meu obxectivo é facer un gran rañaceos con todas elas".

Despois de coñecer a historia e filosofía de vida do carismático Man, a miña seguinte proposta consiste en que te empapes do carácter mariñeiro desta vila de pescadores artesanais e mariscadoras. Para iso suxíroche dar un paseo polas rúas e gozar da comida nalgúns dos restaurantes. Non deixes de probar o polbo de Camariñas!

Unha das visitas obigradas é o Museo do Encaixe de Camariñas, outro lugar de lenda que tenta recuperar a memoria histórica relativa a este traballo artesanal a través das súas coleccións permanentes de deseños, pezas de encaixe, utensilios e materiais. Tamén deberías visitar un dos enclaves máis emblemáticos da Costa da Morte: o Centro de Interpretación dos naufraxios, faros e sinais marítimos situado no Faro Vilán.

Outras alternativas para gozar de Camariñas levarante a contactar coa natureza. Poderás elixir entre praias, miradoiros e varias rutas de sendeirismo: a Ruta dos Naufraxios, a Ruta Litoral, a Ruta Costa da Morte (PRG-158),  Ruta da Insua e a Ruta dos Muíños (PRG-37).

Xa sei que hai moito que ver e facer en Camariñas, pero non podes deixar de realizar a Ruta dos Naufraxios; sobre a que te podes informar coa Realidade Aumentada LAYAR.

Antes de ir á posta do sol, recoméndoche pasar pola conserveira Cerdeimar, que ofrece visitas guiadas e degustacións de produtos. E, se queres descubrir a alma de Camariñas da man dun experto local, podes contactar con Bernardino Martínez, quen sen dúbida farache vivir auténticas experiencias.

Para ver o solpor, nesta ocasión achegarémonos ata a Capela da Virxe do Monte: un punto desde o cal se divisa a ría de Camariñas, a Virxe da Barca, Muxía e Faro Vilán. Este enclave é ademais escenario dun evento que se celebra cada solsticio de verán: A Noite do Solpor.

Para durmir, seguindo as ligazóns podes consultar os aloxamentos recomendados en Camariñas coma o Hotel Playa de Camariñas, ou en Vimianzo.

LUCES & SOMBRAS en Camariñas

Esta nova experiencia levaranos ao Cabo Vilán, Praia do Trece.

Esta vivencia será unha crónica marítima que xirará arredor de Cabo Vilán: unha historia de morte polos naufraxios acontecidos, pero tamén unha crónica de luz polo folclore, a artesanía, a gastronomía e o carácter das xentes do lugar.

A contorna do Cabo Vilán e a enseada do Trece é unha das máis belas paraxes do noso litoral, incluída na Rede Natura e dominada pola presenza da caramiña (de aquí vén o nome de Camariñas) unha planta cun froito do que se extrae un licor. Esta costa salvaxe tamén ten sido testemuña de numerosas traxedias. Algunhas foron causadas pola néboa, como os naufraxios do carboeiro inglés Trevider, o italiano Ciampa ou o vapor Modesto Fuente. Podes atopar información sobre eses e outros sucesos no propio museo do Faro de Cabo Vilán.

Outra proposta imprescindible na Costa da Morte é o Cemiterio dos Ingleses, o lugar onde repousan as vítimas do naufraxio do Serpent e que forma parte da Ruta Europea de Cemiterios Singulares. Aposto que esta visita marcará a túa estancia nesta comarca e che axudarache a entender o sentimento creado sobre o mar e os naufraxios. Esta é a historia:  

“Entre punta do Boi e punta A Cagada, un dos lugares máis fatídicos da Costa da Morte, foron oito os naufraxios e duascentas corenta e cinco as vítimas. Pero o más tráxico foi o do Serpent a noite do 10 de novembro de 1890”.

Este barco saíra de Plymouth dous días antes do sinistro, con rumbo á Serra Leona. Ao seu paso por esta costa, o buque derivou moito cara á terra e a escasa luz do Faro Vilán foi insuficiente á hora de evitar que batese nun punto hoxe coñecido como “o baixo do Serpent”. No momento do accidente escoitouse o desolador berro de “sálvese quen poida!”, pero o certo é que, dous cento setenta e cinco tripulantes, soamente sobreviviron tres, os cales foros arrastrados ata a praia do Trece.

Logo do sinistro o cura de Xaviña mobilizou á veciñanza para dar sepultura aos cento setenta e dous corpos, no lugar que hoxe chamamos O Cemiterio dos Ingleses. No interior están os restos de capitán e dos oficiais e, mentres que no exterior descansan os mariñeiros.

Pero o mar non só é sinónimo de traxedia na Costa da Morte. Tamén nos leva ao mundo da arte e o dinamismo económico, grazas á conexión existente entre a actividade do porto e o encaixe de Camariñas. No Museo do Encaixe, situado na propia vila mariñeira, descubriremos que o comercio a través do seu porto convertiu a exportación do encaixe nunha das principais fontes de ingresos para a cidadanía. De aí que tamén fose lugar de importación de liño e outras riquezas, o que atraía aos piratas.

Recomendamos visitar a exposición permanente do Museo Man onde coñecerás a vida e obra deste singular artista.

Se queres afondar na historia dos naufraxios, podes ler o libro de Rafael Lema: Costa da Morte. Un país de sueños y naufragios.

Podes ampliar información no apartado "lendas" desta web. 

Se aínda che queda tempo, podes vivir outras experiencias de turismo deportivo, turismo activo e de patrimonio cultural na zona. Tes a información seguindo as ligazóns.

Propóñoche tamén a Ruta Literaria pola Costa da Morte.