X

DÍA 2. Con Eduardo Pondal por A Costa da Morte II

Durante esta xornada levareivos polas terras de Laxe, Corcubión e Zas continuaremos visitando e coñecendo lugares sobre os que escribiu Eduardo Pondal.

Recoméndoche que comeces o día coñecendo Laxe para logo encamiñarte cara a Corcubión e Zas.

Unha vez en Laxe podes atopar algún dos lugares que menciona Antón Zapata García, autor do libro de poesía mariñeira A Roseira da Soidade (1957) publicado na emigración en Bos Aires. Esta obra fala de lugares como As pedras da Besugueira, Praia de Laxe, Praias de Soesto e Traba, Lagoa de Traba, Faro de Laxe o Monte da Insua. A súa casa natal está na Rúa do Sol, preto da igrexa parroquial.

Tamén podes dirixirte aos Penedos da Pasarela e Traba, compartidos co municipio de Vimianzo, e mencionados por Eduardo Pondal:

"Penedos de Pasarela,

cando vos vexo, penedos,

suspiro de amor por ela”.

En Queixumes dos pinos, 1886

 

De seguido podes achegarte á vila mariñeira de Corcubión, poboación que frecuentaba Eduardo Pondal por razóns familiares. Recoméndoche percorrer o seu casco histórico e o seu paseo marítimo. E desprazarte ao cabo Cee para ver as Illas Lobeiras.

Dende este punto, Pondal escribía algunhas cartas a Manuel Murguía, esposo de Rosalía de Castro. Nunha delas, do 6 de febreiro de 1867, contáballe que levaba uns días en Corcubión e que se lembraba moito del. Tamén lle explicaba que fora de excursión a Fisterra e consultáballe a súa opinión sobre o Ara Solis: “Qué era, pues, el Ara-Solis de Ptolomeo? Era un templo? Era el mismo cabo al que se le daba por pura figura este nombre? En fin, V. dirá lo que le parece de esto, pues no me gustaría que V. incurriese en las groserías históricas de Vicetto”.

Noutra misiva, do 13 de febreiro de 1867, Pondal contáballe a Murguía sobre unha inscrición gravada nunha pedra do Monte Pindo.

E que máis che podo contar sobre esta vila e a súa conexión coa cultura? Esta localidade está intimamente vinculada a figuras da arte e do pensamento que defenderon a liberdade ata o derradeiro dos seus días. Aquí viviu e pintou os seus primeiros cadros Maruxa Mallo, a musa rebelde da vangarda española. Segundo defende o ensaísta Emilio Ínsua, o lugar de Galicia que máis influíu nesta artista “foi principalmente Corcubión, onde a levaron para vivir cuns tíos mentres o seu pai cubría varios destinos polo resto do país. “En Corcubión prodúcese un espertar á paisaxe e á fala do Monte Pindo, ou da praia de Carnota (...)".

A obra Unha viagem á procura do solpor. Do Tambre á fim da Terra. A nobre Corcubión de Francisco X. Fernández Naval, fai referencia a varios autores que escribiron sobre Corcubión. Entre eles:

Ramón Reimunde. Dos seus versos dedúcese que debeu de vivir unha historia de desamor nas illas Lobeiras:

 

"Nunca ninguén me esperará xa mais na illa maildita

de lobos no corazón te coman

xamais voltarei por unha moza

á Illa Lobeira".

Álvaro Cunqueiro, nunha das súas visitas a esta vila botaba en falta un hotel: "Corcubión: aquí debía haber un Hotel Venecia, como hai en Viveiro de Lugo, un horal cunha grande balconada, tal Loderán ou Alviso, á ría"

Carmen Martín Gaite, veraneaba na vila á que lle dedicou estas fermosas palabras: "Deixar Corcubión... é deixar un anaquiño de ceo, de casa e de familia. Un remanso de paz ó que xa se desexa estar volvendo".

A continuación dirixirémonos cara ao municipio de Zas e visitaremos o Dolmen da Piosa. Segue a ligazón para saber como se chega.

Así cantou Pondal a este monumento megalítico en Queixumes dos Pinos, 1886:

 

"Á hora en que o doce luceiro

Coménzase de fundir,

As ben cornudas cabras montesías

Levando diante de sí,

O pastor elta Temunde

Volvía ó doce redil;

Sóo, cantando pola gandra

De Xallas, de uces nutríz,

E estremecentdo a vaga soedade,

Seu cantar decía así:

Arca antiga da Piosa,

O vento que é etriste oir

Funga nas esquivas uces,

Que están ó redor de tí ;

E pasa entre elas bruando

Con un dorido xemir :

Debaixo das túas antes

Está o valente Brandomil ;

Non no olvido, mais nos brazos

Do eterno e doce dormir:

Ten ó seul ado dereito

O elmo dourado e xentil,

O escudo e a dura lanza

Onde o sol soía ferir,

E con pracer os celtas contempraban

De Xallas no ermo confín"

 

O coñecido escritor e xornalista  Enrique Labarta Pose, nado en Baio, tamén escribe a esta terra. Os enclaves relacionados con este autor para visitar son a Carballeira de Baio, a área recreativa de Pedra Vixía e as Torres do Allo

 "Cheo de afán i emoción,

case con noite, me erguía

tódolos anos, o día

da festa de Tabeirón.

Logo, aló na carballeira,

sentíase una alborada

doce, alegre, froleada,

beiladora e churrusqueira.

Era o gaiteiro Xan Trigo

que a nosa cas ledo viña,

onde por costume tiña

tomar a parva de antigo".

En A festa da patrona de Tabeirón

  • Se queres gozar de máis tempo en Laxe, Corcubión e Zas, ou buscar lugares para comer e durmir, consulta o apartado no que te guío pola Costa da Morte coa "Ruta do Sol con Luces & Sombras”.