X

Día 4 - Co Padre Sarmiento pola Costa da Morte I

Durante dous días poderás gozar dunha viaxe a través da mirada do Padre Sarmiento.

No seu libro Viaje a Galicia (1745), o Padre Sarmiento foi anotando os lugares nos que estivo. Nos seus apuntamentos sinalaba aspectos que atraían a súa atención, como os mexillóns ou os percebes que atopou no litoral da Costa da Morte e en Pontevedra.

Hoxe imos visitar Mazaricos, Dumbría, Carnota, Cee e Fisterra.

Recoméndoche comezar o día en Mazaricos, subindo ao Miradoiro de Enxilde. Dende el poderás contemplar a vista de paxaro, da mesma maneira que fixo o Padre Sarmiento no seu día, boa parte dos lugares que irás visitando: Fisterra, Monte Pindo, Ézaro…

"Enxilde. Aldea de Arcos inmediata á Barca, ao oriente, despois de pasada. Desde un alto de Euxilde, mirando por un encanamento ao poñente, hai unha vista primorosa pois vese de cheo a vila de Fisterra, e todo o promontorio; á dereita as caídas á igrexa de Santa Uxía do Ézaro; no medio, ou no encanamento, o sitio Cadoiro, ou cara onde se despena o río Ézaro; e á esquerda: a punta do monte Pindo, entre esta, e a punta da Pedra da Galeira, en Santa Uxía -que é a que, coa punta de Ce, fan a (81 v.) boca da ría de Corcubión e Ce, cae ou se precipita al río. (…)

Mirando desde o mesmo lugariño de Euxilde, e ao mediodía vese de frente o monte Pindo, que non é tanto un monte empinado, mais unha serra, cadea ou retablo de montes unidos que fan á vista unha figura máis fermosa, que a montaña de (82 r.) Monserrat. De feito convenlle admirablemente o nome de Monte Pindo; e penso que será antigo, e que se lle poría a imitación do Pindo de Grecia.

Representa á vista un coro de musas, representadas en nove cimeiras distintas e moi escarpadas; e no medio se eleva sobre todas una montaña máis alta como a Bicípite, ou con dúas cimeiras".

En Viaje Galicia (1745)

Podes continuar esta cuarta xornada visitando o Ézaro, en Dumbría, e acabar a ruta no Monte Pindo, xa no linde con Carnota.

"Niñóns, San Cremenzo. Santa Uxía de Lézaro, ou mellor, de Ézaro. Barca dos Cregos. Media legua. Esta barca está no río Ézaro ou Lézaro entre a freguesía de Santa Uxía e Santiago de Arcos.

É unha barca perigosa, pois o río Ézaro vén moi despenado é o que vai despenar a pouco máis de media legua no mar entre o principio dúo Monte Pindo e Santa Uxía do Ézaro, ou do Ézaro e o lugar onde cae chámase Cadoiro".

En Viaje Galicia (1745)

Outro autor, César Antonio Molina, no seu libro Viaje a la Costa da Morte (2003), fai referencia á existencia dun estaleiro localizado no estuario do Ézaro, onde os invasores viquingos construían os seus navíos.

"En el puerto natural de Quilmas, en la alta Edad Media, se detenían naves normandas para ser reparadas y carenadas, también para incursiones por el interior, lo mismo que los vikingos, árabes y turcos, incluso se piensa que en el estuario del río Xallas, al desembocar en O Ézaro, llegó a existir un pequeño astillero en donde los invasores construían naves con el apoyo de los forzados naturales del lugar".

Outros autores que falaron de Dumbría:

Ramón Otero Pedrayo en Guía de Galicia, 1926 fala da Fervenza do Ézaro e do Monte Pindo.

Manuel Murguía en Galicia sus monumentos y artes - su naturaleza e historia, 1888 describe a Fervenza de O Ézaro.

Tanto Francisco Añón Paz como Darío Xohán Cabana dedicaron versos sobre o Monte Pindo.

En Carnota ademais do Monte Pindo, poderás pasear por algunha das súas praias, que menciona tamén o Padre Sarmiento, protagonista desta ruta, en Viaje a Galicia (1745)

"O Pindo comeza cunha punta no mar onde se precipita ao Ézaro e vai facendo un círculo, ou semicírculo, até meter a punta, que chaman Cal de Barcos, no mar. Entre esta punta e a primeira hai un areal, ou enseadiña, no Pindo, e alí a aldea de Panchés e Quilmas, a Currá. Entre o cabo, ou punta de Cal de Barcos e o cabo, ou punta de Lira está o grandísimo areal, que remata todo o val de Carnota (83 r.), no que está a freguesía de San Mamede de Carnota, a quen pertence o Pindo, e máis ao oriente Santa Comba de Carnota. É común dicir que os carnotenos ou carnotáns, do val ou das montañas circunveciñas (son fortísimos) e de moito valor".

Unha escritora que tamén falou do Pindo foi María Xosé Queizán na súa obra xuvenil O segredo da Pedra Figueira (1985). Ademais, a novela Veu visitarme o mar, 2004, de Rosa Aneiros, está ambientada na parroquia de Lira na época do afundimento do Prestige.

En Alma e o mar, 2017, de Francisco Fernández Naval nomea lugares como Agrovello e o Monte Pindo. Mª Carmen Rey na novela Escapados, 2017, refírese aos fuxidos da guerra que se agochaban no Monte Pindo. Tamén Francisco Añón alude a este monte sagrado.

Por outra parte, na parroquia de Lira consérvase un monumento en honor a Castelao. Fai referencia a unha visita do intelectual á Costa da Morte, onde protagonizou un mitin en 1936.

Continuamos rumbo a Fisterra, pasando antes por Cee, vila sobre a que escribía o Padre Sarmiento en Viaje a Galicia (1745):

"Volvín de Fisterra ao areal de Langosteiras, que mira ao mediodía, e a Pumariño, punto que o colle ao oriente. Sardiñeiro e o seu areal e enseada, Rastrelo, punta oriental do areal (80 r.) astorde, areal e enseada. (...)

Seguindo de atrás, desde a punta de Ce, costeando a ría de Curcubión e de Cé, hai isto: Punta de Ce, contraposta a Ce, e que fai a boca da ría, Castelo de Curcubión, chámase o Cardeal, Curcubión, vila e porto. (...) Porto de Ce. Regato, e fin da ría. Vila de Ce, contraposta, máis oriental, a Curcubión. Areal, "xunqueira" y mediano río de Brens (80v.). Santa Eulalia de Brens Berroxe". 

Precisamente en Fisterra remataremos o día paseando polos mesmos lugares polos que o fixo o autor protagonista desta ruta: Santo Cristo de FisterraErmida de San Guillermo  e Ara Solis, ou as praias de Langosteira e Cabo da Nave, nas que se pode gozar dunha posta do sol no cabo do mundo… Así dicía Sarmiento: 

"No día 16 saín de Moraime a Curcubión, por Finisterre (78 r.) v.g. E ao saír descubrín ou desubrira desde Muxía, que a boca da ría de Camariñas ten por punta boreal o Cabo Vilán na freguesía de Buxá.

(...) Fisterra, tres leguas desde Moraime. É tradición alí, que na Xunqueira e areal houbo antigamente unha gran cidade chamada Duio e que se anegou. Para asentir será preciso crer (79r.) que o cabo Fisterra e o cabo da Nave foron algún tempo unidos e que abriron do mar a corta gorxa, que hai entre o areal da Nave e o de Langosteiras, inundou a cidade facéndoa xunqueira, e que logo con moita area, que volveu apecharse a gorxa como hoxe está, o que (non) me parece imposible.

Desde Fisterra, pasei a ver, e adorei, ao Santísimo Cristo, que estaba no cabo, e é moi devoto e está con decencia. Logo subín a pé (despois de mediodía) ao cabo e cheguei até a ermida de San Guillame, que está moi mal, e San Guillelmo de pedra vestido de agustino.

(O que nos guiaba -pensou D. Juan Alejandro Senlle) ensinounos na ermida o sitio no que, non hai moito tempo, había unha especie de pía ou cama de pedra, na que se botaban a durmir marido e muller, que por estériles, recorrían ao santo e a aquela ermida; e alí diante do santo enxendraban. E por ser cousa tan indecorosa, mandouse, por visita, quitar aquela gran pedra, pío ou cama, e quitouse o concurso.

O promontorio de Fisterra é maxestuoso e moi alto; a última punta ten diante de seu unha pena, que chaman o Centulo, como a illa de Ons. O areal grande de Fisterra ou Langosteiras só dista un cuarto de legua do outro areal, que está a poñende e é o do cabo da Nave e de comunicárense, ficaría o cabo de Fisterra illado con dúas leguas de circuito por mar. (...) Desde a ermida de San Guillelmo, onde estiven, vese moito mar, rías e cabos, v.gr.: o da Nave co seu arcal; o Pindo monte, a boca da ría de Corcubión, as penas Lobeiras, que teñen moitos percebes, a boca da ría de Muros, etc".

Outro coñecido autor, Camilo José Cela tamén pasou moitas tempadas nunha casa en Fisterra, ao carón da Praia da Langosteira. Hoxe día, esa rúa leva o seu nome e, nun dos seus extremos, hai un busto do autor cunha frase súa: “Finisterre es la última sonrisa del hombre asomándose al infinito”.

  • Se queres gozar de máis tempo en Mazaricos, Dumbría, Carnota, Cee ou Fisterra, ou buscar lugares para comer e durmir, consulta o apartado no que te guío pola Costa da Morte coa ruta “Ruta do Sol con Luces & Sombras".