X

O blogueiro de viaxes Alberto Ribas comeza a súa andadura por Costa da Morte

21/10/2020

O blogueiro de viaxes Alberto Ribas comeza a súa andadura por Costa da Morte

Como parte das actividades programadas polo ente xestor do xeodestino Costa da Morte CMAT no ano 2020, realizadas grazas ao convenio con Turismo de Galicia dedicado á promoción dos xeodestinos, iniciouse unha proxecto de promoción turística a través da ollada de blogueiros profesionais. Máis concretamente, contarase ca participación do blogueiro de viaxes profesional Alberto Ribas, mente detrás do proxecto Alvientooo.

Durante as seguintes dúas semanas, Ribas percorrerá tódolos concellos que conforman a CMAT facendo un detallado seguimento nas súas redes sociais. Posteriormente, elaborará unha guía de recomendacións para moverse pola zona que se poderá atopar no seu blog www.alvientooo.com 

Cabe destacar que todos os concellos están participando activamente na elaboración da ruta, a través de suxestións dos lugares máis interersantes da súa zona. Algúns deles incluso están adicando uns minutos do seu tempo a acompañar a Alberto na súa andaina. 

O obxectivo que se persegue con esta colaboración é o de pór en valor a Costa da Morte a través das canles sociais que nos achega internet e implicar ás empresas privadas que conforman APTCM, a asociación de empresarios que aporta a parte privada dentro da CMAT. Neste ano fortemente marcado tamén no ámbito turístico pola pandemia da covid, buscarase fomentar o turismo de proximidade e que aqueles viaxeiros que xa tiveron visitado a Costa da Morte anteriormente descubran novos lugares e recursos menos masificados e que tamén forman parte do xeodestino. Máis concretamente buscarase potenciar aqueles vencellados ao "Carácter Mariñeiro" da terra e o seus estilo de paisaxe "Naturalmente salvaxe".

Nos vindeiros días poderemos seguir as andainas de Alvientoo na súa conta de Instagram (@alvientooo) que acumula máis de 23.000 seguidores, Facebook (@alvientoo) con case 4000 e Twitter (@alvientooo) con 7600.

Arquivado en:

NOVAS DE INTERESE Novas