Esta senda permite acompañar ao río Anllóns, pola vertente de Cabana, durante os seus últimos tres quilómetros antes de chegar ao mar. Pasearemos por un camiño moi concorrido polos veciños e veciñas de Cabana de modo que durante este percorrido poderemos sentir o contacto coa poboación local
A senda, que se inicia na praia do Curro e remata na enseada de Lodeiro é un paseo completamente habilitado con pasarelas e pavimentado. Pode realizarse en ambas direccións aínda que o punto que indicamos como parte final é o máis cómodo e accesible para chegar en coche.
Un lugar cun alto valor paisaxístico, natural e etnográfico onde podemos observar aves autóctonas, migratorias, flora endémica, embarcacións, marisqueo e mostras de vellos oficios e tradicións artesanais como a carpintería de ribeira. Unha paisaxe cambiante ao ritmo das mareas.
Como puntos intermedios da ruta destacan a praia da Urixeira, onde atopamos unha caseta de observación de aves, e o gran Parque de Cabana xunto a praia da Carballa.
Por este trazado tamén discorre parte da etapa do Camiño dos Faros que une Ponteceso e Laxe.
No punto final da ruta en Lodeiro atopamos o inicio dun sendeiro que, a través da ruta do Rego dos Muiños, chega ata o Castro de Borneiro. Unha alternativa moi interesante para completar a xornada en Cabana enlazando coa ruta arqueolóxica onde destaca o citado castro e o famoso Dolmen de Dombate.