X

Ruta do Sol na Costa da Morte

Eu son… a Moura da Costa da Morte, e durante dezaseis días serei a túa guía por esta terra.

Din que o maior regalo do destino é poder elixir e repetir. A Ruta do Sol na Costa da Morte con Luces e Sombras, fará que te mimetices en cada lugar, sentindo a esencia de cada sitio coma un verdadeiro viaxeiro. Notarás a calor e a acollida das súas xentes e, sobre todo, gozarás desta parte de Galicia como ti decidas: descansando e desconectando do día a día mentres camiñas polas súas sendas, parques e miradoiros; practicando deporte con algunha das empresas de turismo activo que traballan nesta zona, coñecendo a súa cultura e a súa historia a través dos museos locais e de mil formas máis.  

Propóñoche unha ruta de dezaseis días. En cada un deles, poderás vivir unha experiencia diferente dependendo do municipio no que te atopes. Ou no que nos atopemos, porque eu estarei todos os días. Faremos un percorrido principal polas terras de cada concello no que debes prestar especial atención ao que che digo no apartado de Luces & Sombras

Disque a Costa da Morte é berce de artistas e literatos, así como unha terra rica en lendas… Abofé que si, confírmocho! A través destas experiencias descubrirás moitos destes relatos populares nados da tradición oral. E, se queres afondar máis sobre eles, no apartado de "lendas" desta web poderás ampliar información. 

Aconsélloche tamén percorrer o Camiño dos Faros  así como algún dos tramos do Camino de Santiago. Durante esta ruta ireiche indicando os que podes facer.

E, como non, tamén poderás deleitarte coa excelente gastronomía local baseada en produtos da pesca e o marisqueo (percebe, mexillón, berberecho, longueirón, sardiña, congro ou polbo, entre outros), hortalizas e verduras da zona, así como o saboroso pan e a empanada.

Entre cada experiencia terás que parar para un merecido descanso, así que ofrézoche un amplo listado de aloxamentos. Nel poderás atopar a opción que máis se axuste ao que buscas.

Como xa saberás, unha das protagonistas en Galicia é a auga, que nos dá a vida. E grazas a ela podemos gozar destas paisaxes naturais que che vou amosar… En cada percorrido falareiche dos museos locais ou dalgunha outra actividade que poidas realizar comodamente neses momentos nos que a auga nos chega en forma de chuvia. Non obstante, lembra que a Costa da Morte é un lugar para vivir os 365 días do ano, así que tamén é posible gozar das súas innumerables praias nun día chuvioso.

Nas experiencias de cada día, recomendareiche tamén camiñar por carreiros, antigos camiños… que te levarán a fervenzas, lugares relixiosos… e tamén rutas de sendeirismo. Pero antes de saír, pídoche que comprobes os accesos cos municipios para ver que son transitables. O mesmo cos museos e similares; deberás verificar os seus horarios cos responsables.

Como xa che dixen, estás a piques de comezar a Ruta do Sol en Costa da Morte con Luces e Sombras… Para iso é fundamental que coñezas a hora na que se oculta o sol, así que tamén che inclúo información ao respecto.

Dependendo do momento do ano no que veñas, haberá máis ou menos horas de luz entre o amencer e o solpor. Por iso, tamén en cada xornada do noso percorrido vou incluír un apartado de “Se aínda che queda tempo...” con información sobre visitas e actividades que realizar antes da chegada do ocaso. Esta información tamén che resultará útil se decides repetir a túa visita no futuro, porque che aseguro que quererás volver á miña terra. É a Costa da Morte pero está chea de vida!… #CostadaMorte #cheadevida

 

Vamos!