X

Saúdo do Presidente

Prezado/a lector/a: 

Eu, Manuel Muíño, fun recentemente nomeado como presidente da Costa da Morte Asociación de Turismo (CMAT), unha oportunidade que recibo con orgullo e con miras de futuro, polo que nos queda por facer e polo potencial que temos como territorio. 

Este organismo constituiuse en maio de 2015 como unha asociación sen ánimo de lucro con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar que integra aos diferentes axentes locais, tanto públicos como privados. Os municipios de A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas integran actualmente a CMAT, asociados en representatividade pública, onde tamén está integrada a Asociaciónd e Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM) en representatividade do sector turístico privado. 

O noso obxectivo prioritario non é outro que o de promover e poñer en valor o turismo da Costa da Morte, sexa cal sexa o contexto e o escenario vixentes; proxectar a nosa imaxe como territorio no exterior como un destino de calidade, potenciando o noso valor natural, arquitectónico, arqueolóxico e paisaxístico e o conseguinte impacto económico que isto ten nas diferentes localidades cohesionadas na CMAT. 

En 2018 foi deseñado o Plan de Acción para o Turismo da Costa da Morte 2019-2021, a nosa ferramenta de xestión para o desenvolvemento e a xestión turística do territorio a través da colaboración de todos os seus axentes implicados. O seu liderado correspóndelle á nosa entidade, como principal ente de xestión e maior representación do sector turístico público e privado do destino. Temos por diante, principalmente, cinco retos aos que responder: 

  • Ser un destino turístico coñecido e recoñecido pola súa calidade. 
  • Contar cun modelo de desenvolvemento turístico sostible a nivel económico, ambiental e social. 
  • Acadar un maior equillibrio dos fluxos turísticos. 
  • Contar cun tecido turístico cohesionado. 
  • Consolidar a marca turística Costa da Morte a todos os niveis: rexional, nacional e internacional. 

Como presidente da CMAT, considero indispensable apoiar as iniciativas que vaian xordindo vencelladas á actualidade, como poden ser os novos retos do turismo náutico, turismo mariñeiro ou o turismo ornitolóxico, pero sempre respectando a tradición e as nosas costumes, que forman parte da nosa maneira de entender a vida. O turismo cultural, Camiño de Santiago, turismo de natureza e o turismo gastronómico son piares fundamentais para desenvolver conxuntamente a nosa estratexia, camiñando cara unha nova maneira de entender o noso mundo. 

Neste enderezo web poderás atopar todo o necesario en materia de Turismo, así como cursos de formación, xornadas formativas, información de interese para profesionais e afeccionados, información sobre o desenvolvemento dos novos produtos turísticos ou os proxectos realizados nos últimos anos na Costa da Morte. Estas son accións sempre orientadas a incrementar a profesionalización do sector, de promoción da calidade da oferta turística e de colaboración co empresariado local. 

Como dixen con anterioridade, asumo esta nova ocupación como un reto ilusionante e con moitas ganas de poder contrubuir a facer, aínda máis grande se cabe, toda a Costa da Morte. 

 

Con todo o meu agarimo, 

Manuel Muíño,

Presidente da CMAT