X

Mellores lugares de Costa da Morte para ver as estrelas

Mellores lugares de Costa da Morte para ver as estrelas

A Costa da Morte, ademais de ser un paraíso naturalmente salvaxe no mar e na terra, tamén é un lugar privilexiado cando levantamos a cabeza cara o ceo nocturno.

Estes son os mellores lugares de Costa da Morte para ver as estrelas

A Costa da Morte é un Destino Turístico Starlight e isto implica que dentro dos nosos 17 concellos, existen moitos lugares onde a baixa contaminación lumínica permite unha observación do ceo nocturno única. Imaxinas poder ver o centro da Vía Láctea mentres as ondas baten con forza no mar?

Na Costa da Morte é posible. E queremos compartir os mellores lugares da Costa da Morte para observar as estrelas, concello a concello. Vai apuntando para visitalos.

Carballo: Pedra Moura de Aldemunde

En Carballo existe un lugar que evoca historias de fantasía. O dolmen da Pedra Moura de Aldemunde recolle relatos con centos de anos que falan dunha moura que transportou estas pedras desde o Petón de Calvelo.

Fora como fora, está situada nun lugar con moi baixa contaminación lumínica que permite unha boa observación astronómica. A partir do mes de abril, o arco do centro da Vía Láctea comeza a ser visible, polo que é un bo lugar para a astrofotografía.

Cee: Praias e miradoiros

No caso de Cee, a elección dun só lugar é ben difícil. Conta con algunhas praias recollidas onde poder observar con tranquilidade a inmensidade do ceo e tamén cun mirador, o de Gures, perfecto para ver como o sol desaparece detrás do mar e presenciar un dos ceos máis espectaculares da contorna.

Con respecto ás praias, depende das nosas preferencias. A praia de Estorde atópase nun entorno semiurbano con accesos sinalizados, duchas, aseos, cámping, etc. Se queremos un entorno algo máis salvaxe e afastado, podemos achegarnos ata a praia de Lires, que forma parte da Rede Natura 2000 polo seu valor ecolóxico. É unha cala onde é moi sinxelo que o tempo se deteña e onde podemos relaxarnos mentres observamos as estrelas.

Dumbría: Pedra Cabalgada do Brazal

Tamén coñecida como Pedra do Brazal. Destaca como punto de observación astronómica dentro do Concello de Dumbría. Este magma granítico cunha forma tan caprichosa foi quen de soportar a furia das catástrofes naturais e da erosión do tempo. É un lugar cheo de historia desde o cal sentirse diminuto baixo a bóveda celeste.

Outros bos lugares poden ser a Capela de Santa Lucía de Olveira ou a aldea de As Teixeiras, pola súa baixa contaminación lumínica.

Fisterra: Pedras Santas ou Marconi

Este punto está situado no segundo lugar máis elevado do concello de Fisterra, o Monte Facho. Accédese a través da estrada que vai ao faro, 100 metros antes de chegar. Este enclave tamén é chamado Marconi pola estación telegráfica que está alí situada.

Este recuncho, ao estar tan elevado e á vez tan preto do mar, é perfecto para poder observar o ceo coa inmensidade do océano de fondo.

Coristanco: Lagoa de Fontecova

O concello de Coristanco, ao ser de interior, ten atractivos moi diferentes no que a observación astronómica se refire. Neste caso, hai que resaltar a Lagoa de Fontecova, en Cuns. Esta lagoa ten unha superficie de 175 por 125 metros nos seus puntos máis lonxanos.

A súa orixe é curiosa, pois xorde cando o lugar que servía para a extracción do caolín foi ocupado pola auga ata chegar nalgún punto aos trinta metros de profundidade. Os reflexos do ceo nocturno sobre a auga falan por si mesmos, polo que a combinación da baixa contaminación lumínica co propio entorno é única.

Laxe: Praias de Soesto e Traba

Se algo ten Laxe é areais que quitan o alento. Tanto a praia de Traba como a de Soesto contan cun entorno natural privilexiado no cal se poden realizar moitísimas actividades, incluíndo a observación astronómica.

De feito, unha proposta fantástica pode ser ir pasar o día a Soesto. Pola mañá facendo o paseo pola costa ata Traba e volver (uns 6 quilómetros en total). Despois xantar no merendeiro de Soesto, unha sesión de surf pola tarde e pola noite quedarse a ver as estrelas. Un plan en plena natureza para cargar pilas e gozar de todo o que ofrece esta zona.

Vimianzo: Miradoiro de San Bartolo

En Vimianzo o lugar máis alto ocúpao o miradoiro de San Bartolo. A vila de Vimianzo atópase ben recollida nun val entre elevacións e un deses puntos elevados é San Bartolo, un emblemático lugar onde se celebra unha peculiar romaría.

A súa elevación permite ter unha panorámica fantástica de Vimianzo e unha vista privilexiada da bóveda estelar. Ademais, o Concello organiza actividades relacionadas co astroturismo que pagan moito a pena.

Corcubión: Entorno do Cabo Cee

Un emprazamento algo afastado da vila que permite ter unha panorámica desde Fisterra ata o Pindo. A súa orientación sur faino un lugar agradable para poder pasar unha noite tranquila. Non son estranos os avistamentos de arroaces durante o solpor. Un lugar moi recomendable para desfrutar da noite.

Zas: Pico de Meda

O Pico de Meda, en Zas, xa foi protagonista nun evento singular este 2024: o eclipse solar parcial. Foi un dos poucos enclaves onde foi posible ver un pouco este fenómeno. Ten 566 metros de altura e desde o seu cumio é posible albiscar o Atlántico, aínda sen ser un concello con saída ao mar.

Nesta atalaia nace o río Grande, que baña tamén outros concellos da contorna. Tamén é posible ver animais en liberdade. Pola noite, a amplitude deste miradoiro permite unhas fantásticas vistas estelares.

Camariñas: Praia de Reira e arredores

Se hai un lugar que represente a natureza salvaxe da Costa da Morte é a ruta que vai desde o Cabo Vilán ata o Monte Branco. Unha paraxe practicamente virxe cunha natureza impactante. Consideramos que calquera das praias que hai nesta ruta pode ser fantástica nunha noite de ceo despexado, pero desde a praia da Balea ou desde Reira terás unhas das mellores vistas do icónico faro Vilán.

Imaxinas unha noite estrelada co mar batendo forte e o Vilán como telón de fondo? Pois xa podes reservar un oco na axenda de verán para este plan tan único.

A Laracha: Miradoiro de Santa Marta

Outro lugar elevado e afastado dos núcleos urbanos para ter unha noite tan só iluminada polas estrelas. Está situado no alto do Monte de Santa Marta, entre as parroquias de Coiro, Soandres e Soutullo, a unha altura de 432 metros. Antigamente, aquí estaba a capela de Santa Marta, da que aínda se conservan os restos.

O miradoiro é un espazo natural recuperado polo Concello e que hoxe se converteu nunha ampla área de recreo, equipada con grellas, bancos e mesas, desde a que se pode gozar de impresionantes vistas do municipio e doutros lugares da comarca de Bergantiños.

Ponteceso: Faro de Brantuas

Este é un deses lugares icónicos e diferentes que vixían as nosas costas. E non, non é un “faro” como o coñecemos. É un monumento ao Sagrado Corazón de Xesús situado no monte do Faro, a 231 metros de altura, na parroquia de San Xián de Brantuas, en Ponteceso.

Desde este alto, pódese observar a ría de Corme e Laxe e cara o outro lado Punta Nariga. Con esa vista, o ceo tamén ofrece un espectáculo digno de ver. Un bo momento para gozar das estrelas aquí é durante as Perseidas, en agosto.

Cabana de Bergantiños: Castro A Cidá de Borneiro

En Cabana de Bergantiños, un dos mellores lugares para mesturar patrimonio e astronomía é o Castro A Cidá de Borneiro. Un lugar que xa temos recomendado moito visitar nas nosas redes sociais pero que de noite ten unha maxia especial.

En verán realízase unha actividade única neste lugar: a Ruta das Estrelas. Unha camiñanta nocturna que sae desde o Dolmen de Dombate e conclúe no Castro de Borneiro cunha observación astronómica conducida polo físico Jorge Mira. Moi recomendable.

Mazaricos: Miradoiro do Monte Aro

Este lugar é un punto cun gran valor ornitolóxico e, ademais, por el cruza parte do Camiño de Santiago. Conta con prismáticos gratuítos para poder observar aves. Pola noite, o avistamento de aves cambia polo de estrelas e outros astros. Un lugar non tan coñecido pero moi especial.

Muxía: Faro Touriñán 

O coñecido e icónico faro Touriñan está situado no cabo no cal o sol se despide da Costa da Morte. Ofrece un dos entornos naturais máis impresionantes e privilexiados non só para ver uns abraiantes solpores, senón tamén para observar as estrelas. 

Carnota: Praia de Carnota e Faro de Lariño

Tanto o faro de Lariño, algo máis ao sur dentro da costa, como a propia praia de Carnota, son lugares xeniais para ver as estrelas.

O inmenso areal de 7 quilómetros de lonxitude de Carnota destaca como punto natural para a observación das estrelas na Costa da Morte. É un lugar idóneo para pasar un largo día de verán, gozando do mar, da observación de aves e doutras actividades antes da chegada da noite.

Unha vez que cae a luz, as estrelas comezan a aparecer e, con algo de sorte, pode coincidir un bo ceo nocturno co fenómeno do Mar de Ardora. Imaxínalo? É posible porque xa pasou!

Malpica de Bergantiños: Faro de Punta Nariga

Icónico para ver o solpor, para observar a inmensidade do horizonte marítimo, para botar unha ollada ás Illas Sisargas... O faro de Punta Nariga é tamén un dos mellores lugares de Malpica e de toda a Costa da Morte para poder observar o ceo estrelado e facer astrofotografía nun marco incomparable.

Desfruta do ceo máis fermoso da Costa da Morte

En resumo, Costa da Morte é un destino único para os amantes da astronomía e a astrofotografía. Conta con moitísimos lugares onde poder perderse baixo o ceo nocturno. Por esta razón entre outras, seremos a sede do VII Encontro Internacional Starlight en outubro de 2024.

Así que colle o teu abrigo e prepárate para descubrir a noite máis fermosa nos mellores lugares de Costa da Morte para ver as estrelas. Lembra respectar sempre o entorno natural e se fas fotos e vídeos, non esquezas etiquetarnos nas redes sociais (@visitacostadamorte) e usar o cancelo #visitacostamorte. ¡Bos ceos!

 

Arquivado en:

Novas Turismo de Estrelas